Vigo | Arroupado polo actual presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da Delegada da Xunta en Vigo e presidenta do PP vigués, Marta Fernández-Tapias, o ex alcalde de Rodeiro e actual Delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López Diéguez, presentou este 28 de xuño no Museo do Mar de Vigo a súa candidatura para presidir o PP pontevedrés, con miras ao vindeiro Congreso provincial a celebrarse o 9 de xullo.
López Diéguez, a quen cariñosamente denominan como “o lugués”, é o único candidato a presentarse para presidir o PP de Pontevedra, substituíndo así ao actual presidente da Xunta. Durante o seu discurso, López Diéguez explicou a “excepcional situación” que se presentou ante a decisión do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de presentarse para presidir o PP a nivel estatal, provocando a consecuente transición tanto na Xunta a favor de Rueda como no PP pontevedrés, cargo ao que aspira López Diéguez no vindeiro Congreso provincial.
Nun acto que contou con máis dun centenar de afiliados e simpatizantes do PP, así como de ex alcaldes como o vigués Manuel Pérez, altos cargos da Xunta como a responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente da Autoridade Portuaria e ex alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, alcaldes como Horacio Gil Expósito de Arbo e outros tantos representantes do PP a nivel provincial, López Diéguez pasou a determinar as súas prioridades nesta nova etapa, resumidas en fomentar a unidade do partido, recuperar o contacto coa rúa e fuxir dos personalismos.
Definiu como retos políticos as eleccións municipais de maio de 2023, alentando a superar o actual nivel de Concellos en mans do PP a nivel provincial; impulsar o camiño de Feijóo cara A Moncloa; e asegurar con Rueda a quinta maioría absoluta consecutiva para o PP nas eleccións autonómicas de 2024.
Tamén tivo palabras de alento para Marta Fernández-Tapias ao salientar que “nas últimas 16 eleccións realizadas en Vigo, o PP foi a lista máis votada en 10 delas”, o aspirante a presidir o PP pontevedrés deixou claro unha mensaxe de unidade ao declarar que “non hai mellor presidente que todos xuntos”, que “non vai sobrar ninguén” no partido pero que tampouco van existir “grandes cambios” no equipo do PP pontevedrés.
Por tanto, unidade, continuidade e ilusión foron as súas mensaxes máis salientables para iniciar unha nova etapa no PP de Pontevedra.