O Porriño reabre a súa Piscina Municipal

Con cita previa para o seu uso

O Porriño | Esta mañá, coa estrea da desescalada, o Concello do Porriño anunciou a reapertura da Piscina Municipal, efectiva a partir de hoxe venres, 26 de febreiro.

Segundo a dirección da instalación, o uso da piscina lévase a cabo nos mesmos termos que antes do 27 de xaneiro. É dicir, mediante solicitude de cita tanto para a piscina como para o ximnasio, xa que as quendas de uso son con capacidade restrinxida.

Restáuranse as clases de natación, aquagym, pilates e ximnasia de mantemento, tamén con quendas de catro persoas por monitor.

Persoal de policía debe vacinarse contra a Covid
Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra o Covid. En total 23 persoas. A relación xa se enviou ao Servizo Galego de Saúde, a través da FEGAMP que media a xestión e que notificou á Concellería de Seguridade que o persoal policial vacinarase a partir do 5 de marzo.

Doutra banda, a Concellería de Servizos Sociais informa de que xa se vacinaron 10 traballadoras sociosanitarias do Servizo de Axuda no Fogar, así como as 5 traballadoras sanitarias que atenden a Unidade de Asistencia a Drogodependencias.

Rematada a construción dun novo observatorio de aves
O novo observatorio de aves das Gándaras de Budiño xa está rematado. É o primeiro observatorio en altura establecido neste entorno natural e substitúe a un dos tres preexistentes, segundo explicou a Concellería de Infraestruturas.

Realizouse en madeira de piñeiro tratada en autoclave para a súa integración co entorno das Gándaras de Budiño. Precisamente a actuación que contou cun orzamento de 24.107 €, foi financiada con fondos achegados pola Rede Natura, segundo informou o departamento que dirixe Pedro Pereira.