O Porriño multará con 3.000€ a colocación de carteis publicitarios sen permiso

Fai valer unha ordenanza municipal aprobada en 2010

O Porriño | O Concello do Porriño lembra que colocar carteis publicitarios na rúa fora das zonas habilitadas e sen permiso está prohibido.

A “Ordenanza municipal reguladora de convivencia cidadá, limpeza de vías públicas e recollida de residuos”, aprobada no ano 2010, prohibe a colocación e pegado de carteis e adhesivos en inmobles, muros, pontes, paredes ou beirarrúas sen autorización expresa do Concello.

No caso de que un inmoble particular sexa obxecto de pintadas ou pegado de carteis, o propietario do mesmo o comunicará ao Servizo Municipal de Limpeza, que procederá á súa limpeza con cargo ao responsable da publicidade.

Asemade, a norma estipula que a colocación de cada cartel, pintada ou pancarta que constitúa infracción será sancionada considerándose responsables aos beneficiarios da propaganda ou publicidade. As sancións por incumprir esta norma van dende os 751 euros ata os 1.500 euros, podendo chegar aos 3.000 euros en caso de reincidir.

“O espazo público é un lugar de convivencia que disfrutamos todos”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para iso debemos manter a nosa vila limpa e respectar as normas”.

Novo servizo de recollida de cartón comercial
O Concello do Porriño continúa coa súa aposta pola reciclaxe e a favor do medio ambiente poñendo en marcha un servizo específico para a recollida de papel e cartón do que poderán beneficiarse os establecementos comerciais do municipio.

O concelleiro de Limpeza, José Carlos González, informou hoxe de que este novo servizo, que comezará a prestarse o vindeiro mes de maio, “busca garantizar a reciclaxe do cartón comercial e evitar que se acumule na rúa ou nos outros contedores” e precisou que “se trata de dar facilidades aos comerciantes para reciclar correctamente, pero aqueles que queiran xestionalo polos seus propios medios ou depositándoo no colector azul poden seguilo facendo”.

A vindeira semana, anunciaranse os días establecidos para a recollida e os usuarios/as só terán que depositar o cartón e papel de maneira ordenada ás portas dos establecementos onde o servizo de limpeza municipal o recollerá para trasladar á planta de reciclaxe.

“Alcanzar os obxectivos de reciclaxe que marcan as directrices europeas require da implicación de todos/as e sei que a veciñanza do Porriño contribuirá a conseguilo”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo,.

“Trátase de coidar o planeta e os nosos recursos, de deixar un mundo mellor para as próximas xeracións. Entre todos/as o faremos”.

Teléfono de recollida de entullos: 665 571 555

Dende a concellería de Limpeza recordan que depositar entullos na vía pública está prohibido e é obxecto de sanción.

O Concello do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de cita previa.  Todos aqueles que queiran desfacerse de voluminosos deberán chamar ao 655 571 555 e o servizo de limpeza municipal indicaralles onde e cando deben depositar estes enseres.

Tamén poden acudir directamente ao Punto Limpo, sito no Polígono A Granxa (Rúa Cíes 187) de luns a venres en horario de 10 a 14 h (os luns tamén de 16 a 20h).