O Porriño inaugurará novo parque infantil

Na praza da Alameda

O Porriño | Os nenos e nenas do Porriño contarán cun nova zona de lecer con zona de xogo infantil na céntrica Avenida de Galicia. O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, e a concelleira de Educación, Carolina González, visitou hoxe a praza da Alameda onde se están a rematar os traballos para a inminente apertura do novo parque infantil.

“Este espazo foi rediseñado para o disfrute dos cativos e cativas, aproveitando as obras de impermeabilización que tivemos que executar na parte baixa da praza acometemos a súa humanización total e acondicionámola como un espazo público pensado para eles”, explicou o alcalde, “A zona de xogo contará cunha gran tirolina de 21 m, varios columpios, un tobogán e varios balancíns, todo isto nunha contorna segura para os máis pequenos e pequenas”.

O espazo que ocupará a zona de xogos contará con céspede sintético e áreas de impacto con pavimento amortiguador onde se ubiquen os elementos.

O proxecto conta cun orzamento de 135,868,67 euros financiado íntegramente a través do Convenio de colaboración asinado entre o Concello do Porriño e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia. As obras inclúen tamén a reparación dun gran bache que afectaba á calzada e beirarrúa.

Lorenzo destacou que “a mellora dos 30 parques infantís cos que conta o noso municipio e a creación de novos parques como o que imos inaugurar nos próximos días segue a ser unha prioridade para o noso goberno”.

O rexedor recordou que “os recursos cos que contamos non nos permiten facer todo o que nos gustaría tan pronto como nos gustaría, pero temos xa preparados varios proxectos de mellora integral de varios parques do municipio, pendentes de dotación orzamentaria, que nos próximos meses poñeremos en marcha. Reitero o meu compromiso con facer deste pobo un lugar do que os nosos nenos e nenas se sintan orgullosos”.