O Porriño devolve ao Museo do Prado o cadro “A prisión de Francisco I”

Estaba desde 1929 no depósito do Concello

 

O Porriño | Un equipo técnico enviado polo Museo do Prado retirou e trasladou cara a Madrid, o cadro “A prisión de Francisco I”, que estaba en depósito nas dependencias do Concello do Porriño desde o século pasado.

O óleo, obra do pintor italiano Giovanni Migliara foi cedido polo Museo do Prado ao Concello con data do 11 de decembro de 1929. A pintura estivo colgada nunha das paredes da antigas oficinas da alcaldía durante 92 anos.

É parte do que se chama “El Prado disperso”, que denomina as obras das diferentes coleccións pictóricas que o Museo cedeu debido á escaseza de espazo de exposición nas súas dependencias desde que abriu ao público, en 1819.

Máis dun século despois, a partir de 1980, a dirección do Museo do Prado comezou unha revisión dos depósitos feitos para verificar que as obras permaneceron nos lugares e institucións que documentaban os seus arquivos e coñecer o seu estado de conservación.

O levantamento do depósito feito a Porriño responde á decisión do Museo para volver a expoñer a pintura de Migliara nos salas do século XIX. Probablemente a mediados deste ano, segundo o persoal do Prado. Previamente pasará por un proceso de posta a punto polos restauradores do Museo, aínda que o estado de conservación é bo, segundo comunicaron.

“A prisión de Francisco I” recrea o encarceramento do antigo rei Francia na Cartuja de Pavía, logo de ser derrotado polo emperador Carlos I en 1525. Este lenzo foi pintado por Giovanni Migliara ao redor de 1825 segundo os rexistros do Museo do Prado. A raiña María Cristina de Borbón mercouno e incorporouse aos fondos da pinacoteca nacional.

Outros artigos