O Porriño celebra o 70 aniversario do Almanaque Agrícola ZZ

Trátase da primeira publicación comercial en lingua galega

O Porriño | O Concello do Porriño sumouse hoxe á celebración do 70 aniversario do Almanaque agrícola ZZ.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, participou esta mañá no Centro Cultural do Porriño no acto de celebración organizado polo Foro Enrique Peinador en colaboración co Concello, a Xunta de Galicia e a multinacional farmacéutica Syngenta, que tomou o relevo do grupo Zeltia Agraria na produción do almanaque desde o 2001.

O Almanaque agrícola ZZ, publicado por primeira vez no ano 1952, foi a primeira publicación impresa deste tipo que se decidiu a usar a lingua galega, convertíndose na máis existosa no seu ámbito. Todos os galegos tiveron alguna vez un exemplar nas mans, e quizáis esta sexa a principal forma de visualizar a súa celebridade. Unha fama que posibilitou que se publicara anualmente de maneira ininterronpida nada máis e nada menos que 70 anos.

“O uso da lingua galega nas súas publicacións foi, sen dúbida, un dos factores que contribuíu positivamente no seu éxito e aproximou aínda máis á cidadanía a súa empresa”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Laboratorios Zeltia, hoxe da man de Syngenta, representa un claro exemplo de galeguidade empresarial sinónimo de proximidade e éxito”.

Por iso, o rexedor animou ás empresas do Porriño a “seguir os seus pasos e empregar a nosa lingua como vehículo de expresión. Non só como sinal de identidade senón, tamén, como mellor medio para afianzar a súa relación de proximidade”.

Xunto a Lorenzo, participaron no acto, enmarcado no Día da Galeguidade Empresarial, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador, Marisa Castro, representante de BIOGA (Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida); Carlos Varela, Membro do Foro Enrique Peinador, e Paulo Machado, representante de Syngenta.