O Porriño cancela a Carreira Nocturna de Reis

Por protocolos de seguridade COVID
O Concello do Porriño decidiu cancelar a Carreira Nocturna de Reis.

O Porriño | O Goberno Municipal acordou a suspensión da Carreira Nocturna de Reis programada para o 8 de xaneiro ante a imposibilidade de garantir na mesma a seguridade sanitaria dos/as participantes.  Así o anunciou hoxe o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, tras a xuntanza da Comisión de Seguimento da Covid-19 na que a medida obtivo un respaldo unánime.

Á reunión asisitiron, por parte do Goberno Municipal, o alcalde, Alejandro Lorenzo, e tres concelleiros do gabinete: Abel Estévez, responsable de Seguridade, Carolina González, concelleira da área de Sanidade, e Antía Carrera, delegada de Atención ao Cidadá.

Ademais participaron os representantes dos restantes grupos da corporación local, representacións da Asociación de Hostaleiros (AHOSPOR), comerciantes (ACIPOR), dos vendedores ambulantes e praceiros, Policía Local e Protección Civil. Estaba convocado tamén un representante do Centro de Saúde do Porriño.

A día de hoxe, O Porriño presenta 442 casos activos, segundo a última actualización facilitada polo Sergas, unha cifra preocupante que leva ao Goberno que preside Lorenzo a tomar esta determinación.

O feito de que os atletas participantes na carreira non leven a máscara de protección mentres corren e a imposibilidade de establecer a obrigatoriedade desta medida fixo que dende a organización se valoraran fórmulas alternativas como unha contrareloxo individual. Pero desestimouse xa que desvirtuaba a propia natureza lúdico-deportiva do evento.

Tamén se abordou a seguridade do Desfile Conxunto de Rondallas do Porriño e Mos que se celebrará o vindeiro día 2. O Goberno Municipal, tras analizar as características do evento, que se celebrará ao aire libre nun amplo percorrido que permite a distribución dos asistentes, mantendo a distancia de seguridade, acordou mantelo

Máis presenza policial no mercado ambulante
O Porriño aumentará a presenza policial no mercado ambulante dos martes para informar aos usuarios/as e vendedores/as da normativa sanitaria en vigor e garantir que se cumpla.
O control da seguridade no mercado ambulante e na Praza de Abastos foi un dos eixos centrais da xuntanza, tras terse detectado unha relaxación no cumprimento das medidas. Tamén se anuncióu que o Goberno Municipal estudará o cambio de ubicación do mercado ambulante a un espazo que permita ampliar distancias entre os postos de venta.

Información ao cidadá
Outro dos puntos abordados foi a información que dende o Concello se debe prestar ao cidadá nesta situación sanitaria. O Goberno Municipal facilitará información diaria do número de contaxios no municipio e medidas sanitarias en vigor. O fará a través dos seus perfís oficiais en redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) e a través da APP local BandoMóvil.

Tamén se difundirán estes datos actualizados na pantalla instalada na rúa Antonio Palacios, xunto á rotonda.

Número de atención a persoas confinadas 689 76 47 17
Deuse conta tamén do número de teléfono do que dispón Protección Civil para dar atención e resposta ás necesidades das persoas que se atopan confinadas: 689 764 717.

Todos aqueles veciños/as que deban estar confinados poden chamar a este número e os voluntarios e voluntarias da agrupación encargaranse de garantir as necesidades básicas destas persoas estean cubertas, realizando tarefas como facer a compra ou acudir á farmacia.