O Porriño adxudicará 211.665,30 € anuais para mantemento de xardíns, áreas verdes e Paseo do Louro

A través da apertura de procesos de contratación

O Porriño | O Concello do Porriño ven de poñer en marcha sendos procesos de contratación para o servizo de mantemento das áreas verdes na zona residencial de Torneiros e no Casco urbano así como o mantemento do Paseo do Río Louro.

No caso da zona residencial de Torneiros e no Casco urbano o procedemento se está a sustanciar por procedemento aberto cun orzamento total de 211.665,30 €/ano IVE incluído, atopándose neste intre en fase previa a adxudicación.

Os traballos a realizar pola empresa adxudicataria consistiran en operacións de mantemento tales como rego, sega e perfilado, recorte e poda de arborado, arbustos e sebes, aireación e escarificado, resembra, entrecavas, escardas e rastrillado así como a limpeza de zonas verdes e espazos axardinados entre outras.

Polo que respecta o procedemento de contratación do mantemento do Paseo do Río Louro, o procedemento que se está a seguir e o aberto simplificado cun orzamento total de 50.842,86 € IVE incluído, atopándose ata o vindeiro 28 de marzo en fase de presentación de propostas.

O alcance e extensión desta contratación comprende os traballos de conservación e mantemento do paseo do Louro tales como a eliminación de malezas, limpeza e mantemento de sendeiros e áreas forestal.

Con estas actuacións, indica o alcalde Alejandro Lorenzo, o goberno municipal pretende acabar coas prácticas de adxudicación irregular que se viñan levando a cabo en anos anteriores, para acadar o mantemento das áreas públicas mediante o abono do prezo axustado o mercado fruto da concorrencia de diferentes empresas co conseguinte beneficio económico para as arcas municipais, o tempo que se dará resposta a un servizo básico e esencial que non se estaba realizando.