
Ourense | O Pleno da Deputación de Ourense acordou impulsar o transporte metropolitano en Ourense, cun proxecto piloto de conexión cos polígonos industriais da contorna que busca facilitar o acceso aos centros de traballo, mediante servizos coordinados coa rede de transporte público e horarios axustados ás necesidades das persoas traballadoras.
A experiencia piloto, que se estendería durante doce meses, vería precedida dunha memoria técnica e económica específica para garantir a viabilidade, concretando os polígonos atendidos, núcleos de orixe, percorridos, paradas, puntos de intercambio, frecuencias e horarios adaptados ás quendas laborais, aspectos a contrastar cos concellos, persoas traballadoras e entidades representativas dos polígonos.
Proponse ademais un seguimento trimestral, avaliación aos seis meses e un informe final, analizándose o uso do servizo, puntualidade, adecuación horaria e o custo por viaxe, para decidir a súa continuidade, adaptación ou ampliación.
A iniciativa tamén formula que o Concello de Ourense remita ao comité técnico-político do transporte metropolitano, nun prazo de trinta días, a resolución, o acordo municipal e un informe sobre as actuacións pendentes e o calendario previsto.
As administracións implicadas deberán concretar as súas responsabilidades e achegas antes da posta en servizo. Pídese ao mesmo tempo á Xunta que presente, nun prazo de sesenta días, unha proposta inicial para a Área de Transporte Metropolitano que recolla o ámbito territorial, necesidades de servizo, coordinación coa rede urbana, financiamento e calendario de desenvolvemento. Apuntar ademais que se inclúe a comprobación dos equipamentos e adaptacións para un billete único, bonificacións e transbordos gratuítos. A proposta fai fincapé no mantemento do estudo xeral de extensión de oito liñas como marco de planificación, onde a Deputación continuaría exercendo a coordinación do proceso.




