O Parque Empresarial do Vieiro na Caniza xa é Proxecto de Interese Autonómico

Un paso decisivo para facer realidade unha das maiores áreas empresariais previstas no sur de Galicia

A Caniza | O Alcalde da Caniza, Luis Piña, cualificou a decisión como “un fito fundamental, conseguido en tempo récord, para o desenvolvemento económico da Caniza e da comarca da Paradanta”, ao permitir continuar coa tramitación dunha infraestrutura estratéxica que dotará ao municipio de 846.543 metros cadrados de solo empresarial, cun investimento estimado de 35 millóns de euros. O Alcalde lembrou que o Concello leva varios anos traballando para impulsar esta infraestrutura que “xa é un proxecto ilusionante”.

Un paso decisivo produciuse o pasado 24 de marzo coa sinatura do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello da Caniza, nun acto no que participaron a Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o Delegado Especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e o Alcalde da Caniza. Aquel protocolo estableceu as bases da cooperación institucional para impulsar o futuro Parque Empresarial do Vieiro e confirmou que sería o Consorcio da Zona Franca de Vigo o organismo encargado de promover a actuación mediante a redacción do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE), asumindo ademais o financiamento íntegro do proxecto e a execución das obras.

Luis Piña destacou que o traballo desenvolvido polo Concello, en coordinación coa Xunta de Galicia e co Consorcio da Zona Franca de Vigo, tamén permitiu impulsar unha modificación da Lei de Áreas Empresariais de Galicia para facer posible que unha entidade de ámbito estatal como o Consorcio poida promover directamente un Proxecto de Interese Autonómico (PIA) destinado ao desenvolvemento de solo empresarial. O futuro parque empresarial localizarase ao carón da autovía A-52, nun enclave estratéxico con conexión directa con Vigo, Ourense, a Meseta e Portugal. A nova área empresarial contará con 846.543 metros cadrados de solo, incorporará un viario principal conectado coa rotonda existente na estrada EP-5005, dous viarios secundarios de acceso ás parcelas, amplas zonas verdes, espazos de aparcamento e manterá o actual campo de fútbol como equipamento público.

“A participación do Consorcio da Zona Franca de Vigo é determinante para facer realidade este parque empresarial. Trátase dunha actuación dunha dimensión que supera as posibilidades dun concello como o noso e, por iso, contar cun organismo que asume o investimento, a redacción do planeamento e a execución das obras é unha garantía para que este proxecto avance con paso firme”, destacou o Alcalde. Luis Piña tamén quixo agradecer á Xunta de Galicia a aprobación da declaración de Proxecto de Interese Autonómico e a colaboración mantida durante toda a tramitación, así como o compromiso do Consorcio da Zona Franca de Vigo para facer posible este avance.

“Este acordo supón un respaldo definitivo a un proxecto no que levamos anos traballando e confirma que A Caniza está chamada a converterse nun referente para a implantación de novas empresas no sur de Galicia. Agora comeza unha nova etapa para atraer investimento, crear emprego e xerar oportunidades para a nosa vila e para toda a comarca. Quero agradecer a implicación da Xunta de Galicia e do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que souberon comprender a importancia estratéxica desta actuación. Cando as administracións traballan con lealdade institucional e cun obxectivo común, os proxectos avanzan e acaban converténdose en realidades que benefician ao territorio.”

Coa declaración de Proxecto de Interese Autonómico, o Parque Empresarial do Vieiro entra agora nunha nova fase administrativa coa elaboración e posterior tramitación do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE), que será redactado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e sometido á aprobación da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.