
Tui | O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, visitaron esta semana as novas instalacións da empresa Delikia Fresh no Parque Empresarial de Areas.
O alcalde e a concelleira tiveron a oportunidade de coñecer a nave na que a empresa desenvolve a súa actividade de recuperación e reacondicionamento de máquinas expendedoras dende hai case dous meses. Foron recibidos por Manuel Quelle, CEO e director xeral da compañía, e polo seu equipo técnico formada por María José Arellano, responsable de Sostenibilidade e Medioambiente; Alfredo Alcántara, director oficina de proxectos; Estefanía Moreno, coordinadora da oficina de proxectos e Rosina Celada, directora de Marketing e Comunicación. No encontro tamén participou .Roberto Pardo, CEO de Plaintec, empresa tudense responsable da execución da nave industrial.
Durante a visita, os representantes municipais tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións, o funcionamento da empresa e os proxectos que está a desenvolver en Tui. No percorrido pola nave industrial Manuel Quelle e o seu equipo explicaron aos responsables municipais a actividade que desenvolven neste novo centro de traballo en Tui especializado na recuperación, reparación e actualización tecnolóxica de máquinas expendedoras. Dende a entrada en funcionamento do centro tudense a empresa recuperou e devolveu ao mercado máis de 160 máquinas. A empresa incorpora un importante compoñente de innovación e economía circular, xa que coa reutilización de equipos e o aproveitamento de compoñentes contribúen á redución de residuos industriais e electrónicos.
Na visita o alcalde, Enrique Cabaleiro, puxo en valor a importancia de que empresas con capacidade de crecemento e proxección elixan Tui para desenvolver novos proxectos, destacando que cada nova implantación empresarial representa unha oportunidade para fortalecer a economía local, xerar actividade e crear emprego.
Así mesmo, salientou o papel estratéxico do Polígono Industrial de Areas como motor económico de Tui e da comarca do Baixo Miño, e a importancia de iniciativas empresariais coma esta, que son un exemplo de que crear actividade económica e emprego pode ir da man dunha utilización máis responsable dos recursos e dunha maior conciencia ambiental.
Pola súa banda a concelleira de Emprego, Ana Núñez indicou que “a implantación de Delikia en Areas supón unha nova aposta empresarial polo municipio e unha contribución ao fortalecemento do noso tecido económico e industrial”. A chegada dunha compañía galega consolidada, cunha importante traxectoria e presenza no mercado nacional, “reforza o atractivo do parque empresarial tudense como espazo para o investimento, a actividade produtiva e a creación de oportunidades laborais” sinalou. Ana Núñez destacou tamén que a creación de emprego directo que se xera, xa que a delegación tudense de Delikia conta con 20 persoas traballadoras que desenvolven funcións en distintos ámbitos da actividade empresarial, entre eles o mantemento técnico, o almacén, a recuperación e reacondicionamento de maquinaria e outras áreas de xestión e soporte. Trátase de postos de traballo que contribúen a diversificar as oportunidades profesionais no municipio e que poñen de manifesto o impacto que a implantación de novas empresas pode ter na economía local.
Delikia é unha compañía galega con máis de 35 anos de experiencia no sector da alimentación e do vending, especializada na distribución de produtos alimentarios e bebidas mediante máquinas expendedoras. A empresa conta con máis de 600 profesionais no conxunto da súa estrutura, máis de 16.000 máquinas instaladas en todo o territorio nacional e unha ampla rede de delegacións. A súa actividade abrangue tamén a elaboración de produtos frescos, o café de especialidade, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento de solucións adaptadas a diferentes espazos e clientes.




