O número 22 de “Nós, a Xente do Redor” presentouse en Trasalba

“Espazo de encontro, liberdade e creación na cultura galega”, segundo Luís Menor

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, participou na Casa Museo Otero Pedrayo, en Trasalba, na presentación do número 22 da revista cultural Nós, a Xente do Redor, unha publicación que reúne neste novo volume os textos de vinte autores e autoras.

Durante o acto, que contou cun programa poético e musical, Luis Menor salientou a traxectoria desta iniciativa xurdida en Ourense durante o confinamento de 2020 co propósito de unir na distancia e ofrecer unha plataforma libre e plural para a difusión da cultura galega.

O presidente provincial definiu a publicación como “un espazo de encontro, liberdade e creación que mantén viva a nosa memoria, dá visibilidade ao talento contemporáneo e contribúe a facer comunidade arredor da cultura galega”.

Menor reafirmou o apoio da Deputación de Ourense a este proxecto, destacando que “as administracións debemos acompañar as iniciativas culturais nacidas da sociedade que crean vínculos, dinamizan o territorio e fortalecen a identidade da provincia”. A portada deste novo número, dedicada á figura de Ramón Otero Pedrayo, reforza o diálogo da revista entre a memoria dos grandes referentes da cultura galega e a creación actual.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.