O noso voto útil.

Desque convocou estas eleccións estatais do 23-X, o líder do PSOE, Pedro Sánchez anda a dicir seguido que cadanseu voto é a garantía para que o chamado bifachito do PP de Feijóo e do Vox de Abascal non acade esa maioría abonda que lles permita governar dun xeito desaquelado, desigual, ineficiente, machista, antieuropeísta, españolista e galegófobo. Adxectivos que moitos programas comúns da extrema dereita e da dereita extrema manifestan compatibilizar. A mesma mensaxe de alarma emite Yolanda Díaz, líder de Sumar.

Porén, nin socialistas nin yolandistas amosan razóns abondas para que a cidadanía galega que votou galeguismo político nas nacionais de 2020 e nas recentes municipais do último maio muden o voto nin mesmo para que ducias de milleiros de cidadáns que votaron forzas estatais neses procesos non poidan optar por un voto en clave galega que, ademais, defenda os seus intereses individuais, os intereses colectivos da Galicia e máis os dereitos xerais da nosa cidadanía.

Cómpre lembrar que nestas eleccións estatais na Galicia, a menos de dúas semanas das votacións, é ben nidio que só o PP entre as forzas da extrema dereita e da dereita extrema pode acadar representación, mentres que na esquerda estatal só a poden acadar o PSOE e máis Sumar, mentres que no galeguismo político só a pode quitar o BNG.

“Cómpre lembrar que nestas eleccións estatais na Galicia (…) é ben nidio que só o PP entre as forzas da extrema dereita e da dereita extrema pode acadar representación”

Principiaremos polo PSOE de Sánchez. Felipe González e bó número dos líderes socialistas do seu momento histórico reclaman do PSOE que, para o caso que non quite o PP maioría absoluta, substitúa coa súa abstención (como xa fixeron a primeiros de 2016) a necesidade de botar man de Vox. Ou sexa que si eu ou vostede votamos este 23-X PSOE e, 4-6 semanas despois, os xefes do PSOE que eventualmente substituirían no caso dun fracaso electoral a Sánchez, mandan a parar e fan a grande coalición dos soños húmedos do IBEX-35 ímoslles ben apañados.

Analizamos arestora Sumar, coalición de 15 partidos estatais e territoriais que seica está a minguar no seu apoio cidadá na Galicia. Semella que, quizais, porque o electorado galego sofriu dende o outono de 2015 unha praxe política dende ese espazo político (da que é super-responsábel Yolanda Díaz dende o minuto un) que sacrifica os dereitos e intereses da Galicia, os dereitos e intereses da nosa xente, pola sempre omnipresente razón de Estado. Fíxoo Yolanda Díaz no outono de 2015 frustrando o grupo galego no Congreso e na fin de 2019 rexeitando a emenda que aprobara En Marea democraticamente na Galicia e só apoiara entre os deputados a entón deputada estatal mareante (hoxe no BNG) Alexandra Fernández. Teñen vostedes razón. Seica coñécemolos-coñécemolas-de vello.

Non hai galeguista nin soberanista que non critique cousas que non poida mellorar o BNG. Agora ben, as preguntas que cómpre facermos hoxendía son: i) confían nele/as para que non voten nunca a opción estatal do PP e Vox? ii) confían neles para que miren sempre polo País? iii) Están certos de que poden confiar para iso mesmo no PSOE e en Sumar?

Advogado. Colabora en varios medios galegos.