O Nadal onde comezou o mundo

Artigo de Avelino Jácome

Lalín | O Asneiro, ledo, dende Lamas á tosta de Mouriscade baixa bicando nos bidos e nos ameneiros, coma unha moza namorada, con paixón e dozura, con agarimo e tento, ten un andar feminino, seguro e feiticeiro, cheíño de arrecendos a sabugueiro e loureiro.

Vístese de escumas antes da curva das Perdices e remexe con forza nas augas do regatiño do Baño. O Asneiro é coma un mozo baril de ollos brillantes, de mans rexas, pequeno de perna, mais de peito forte e ombreiros xenerosos para o carrexo, ventureiro e arriscado, ousado coma o Candán, desafiando o ceo, cando couta a choiva.

O Asneiro, e un año noviño que comeza a andar, rebulideiro e saltador nos prados, é lene entre a la da súa nai. Cando as folerpiñas vanse deitando no coliño das augas, asemellan ovellas pacendo e as maceiras de Xaime, pastorciños agardando o nacemento do meniño Deus.

“O Asneiro, e un año noviño que comeza a andar, rebulideiro e saltador nos prados”

Ó remate da Granxa das Perdices, logo de descansar un chisco, canta e ri na fervenciña. Se te deitas coa orella pegada o chan, escoitalo falar coa Vella, conversas de cando entre os dous, criaron as augas primeiras coas bágoas da ledicia da Vella  e as outras coas da tristura, tantas foron, que asolagaron o mundo pola ruindade dos homes. Tes que deixar callar as felepas ata que o manto branco te cubra coma un anxiño e o son da ruxidoira marmule unha oración.

Mentres, en Ribas do Asneiro, os tellados branquexan paseniño, son os cabelos dos avós, dos que viven e dos que nunca morrerán, inda que morreran, e o fume furga nas tellas derretendo na neve; nunha loita perdida, porque a brancura imponse para festexar o Nadal. En Ribas do Asneiro non falta ninguén, “ninguén” non existe, todos somos “alguén” eternamente. Alí, xúntanse os mozos de tódolos tempos, nas lareiras e nos mazadoiros, arredor dos fumeiros e das tarteiras de capón con pataquiñas redondiñas, asadiñas coa calor das brasas dos carolos de millo e cántanse os reis ata que amañece.

O amencer do Nadal entre Codeseda e os Muiños é un miragre, na ponte de Lamas o Asneiro escintila con ouro e prata, entre a brancura das arbores e fumega soños de xovenca nova, arrecende a papoulas e margaridas, a mazás e fentos, as amoras e as landras e as castañas dos soutos, en ningures alborexa deste xeito, o ceo píntase nas augas de mil maneiras distintas, adorando aquel recuncho onde comezou o mundo. Alomenos o meu mundo.

Fillo de emigrantes galegos, naceu en Caracas. Empresario. Articulista e colaborador en varios xornais. Creador da sección “Con Sentimento” na revista internacional “A Bugalla”. Coautor de "As andrómenas e outros contos" (editorial A Formiga Rabicha). Participa activamente en iniciativas solidarias e culturais.