O mosteiro de Caaveiro, protagonista do “Documento do mes” do Arquivo da Deputación da Coruña

O texto destaca o importante labor desenvolvido por don Pío García Espinosa

Deputación da Coruña | O mosteiro de Caaveiro protagoniza o ‘Documento do mes de marzo’ do Arquivo da Deputación da Coruña. Durante este ano, a Deputación “libera” cada mes documentos dos fondos do seu Arquivo, nos que se revelan anécdotas ou curiosidades históricas. Os últimos documentos estiveron dedicados á expedición Balmis, que partiu da Coruña con 22 nenos expósitos para levar a vacina da variola a América e á figura de Emilia Pardo Bazán, no ano no que se conmemora o centenario da súa morte.

O documento de marzo está dedicado ao mosteiro de Caaveiro e recolle información relativa á historia do cenobio, que hoxe forma parte do patrimonio da Deputación e, xunto co dolmen de Dombate, un dos enclaves con maior número de visitantes.

O texto destaca o importante labor desenvolvido por don Pío García Espinosa á hora de reconstruír e conservar o monumento, pese aos erros irreversibles que se cometeron. Cautivado pola beleza das Fragas do Eume, o avogado interesouse pola arquitectura máxica do mosteiro, emprazado nun lugar único, nun promontorio de 60 metros entre dous ríos, xurdindo a pedra da espesura vexetal.

Deste xeito, García Espinosa inicia a finais do século XIX un complexo proceso de adquisicións que durou anos e do que o arquivo provincial conserva un total de 22 documentos, que recollen as compravendas de bens relacionados co mosteiro entre os anos 1890 e 1932.

Así pois, don Pío ponse nas mans dun experto arqueólogo, o cóengo López Ferreiro, que finaliza as obras de reconstrución no 1896, practicando a restauración de estilo.

A longo da longa historia do mosteiro, cuxa orixe se remonta ao século X, sucédense etapas de esplendor e de crise, estando incluso a piques de desaparecer no século XIX pola insensibilidade política naqueles anos. Esta crise precede ao furor reconstrutor de García Espinosa no 1892. A construción sofre de novo a mediados do século XX unha crise de abandono. Porén, a finais do mesmo século, o cenobio volve renacer nun lento e complexo proceso de recuperación realizado pola Deputación da Coruña, que se explicará con maior detalle no documento do mes de abril.

A través desta achega o ente provincial continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo Provincial, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego, fonte de información e memoria  das sociedades pasadas. As publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!