O mosense Xes Argüelles, novo Subcampión de España de categoría arco composto

Forma parte do equipo Archers Team

Mos | O pasado 30 de xullo, o arqueiro do club tiro con arco Archers Team de Mos, Xes Argüelles, proclamouse Subcampión de España na modalidade de aire libre, categoría arco composto cadete, motivo polo cal foi recibido hoxe pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a Corporación Municipal mosense, no salón de sesións do Concello, para felicitalo polo seu éxito.

Esta nova prata para Xes acadouna no Campionato de España Iberdrola de Tiro con Arco sobre diana ao Aire Libre 2021-2022 que se disputou no Complexo Deportivo Zona Sur da Universidade Complutense de Madrid.

Xes xa se proclamara Subcampión no Campionato de España de Arco Composto en Sala. Obtendo a medalla de prata na modalidade de arco composto Categoría Sub-18 o pasado febreiro en Marina D’Or. E en 2020 Xes Argüelles xa se erixira Campión de España nesta mesma modalidade pero en Categoría Sub-14. Participou tamén recentemente no Campionato de Europa celebrado en Lilleshall (Inglaterra, Reino Unido) coa Selección Española de Tiro con Arco. Foi concretamente do 14 ao 21 de agosto e quedou 5º por equipos.

Polémica coa Deputación pola senda do Foxo Vello
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, considera un ataque á autonomía local que a Deputación acuse ao Concello de incumprir as bases do Plan Concellos pola colocación dun cartel informativo (que non propagandístico, como din desde a administración provincial) da próxima senda do Foxo Vello, en Pereiras, polos seguintes motivos:

1º) O Concello de Mos é o redactor e promotor do devandito proxecto.

2º) Certamente a obra acometerase con fondos provinciais, pero que lle corresponden ao Concello de Mos por número de habitantes. A Deputación non lle regala nada a Mos.

3º) O cartel instalado é un cartel informativo que anuncia a vindeira execución do proxecto. Non é o cartel oficial de obra que debe colocar a empresa construtora con toda a información detallada de orzamento e entidade financiadora, e que se instala unha vez adxudicada a obra á empresa concesionaria da mesma; trámite ao que aínda non se procedeu, por iso ese cartel non está colocado aínda.

4º) Nos Cabaleiros, parroquia de Mos, zona que será tamén mellorada cunha senda cicloturista e peonil que irá desde o Alto de Barreiro ata O Santiaguiño (con subvención da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia), o Concello de Mos instalou tamén na mesma data outro cartel informativo, tamén sen o escudo da administración autonómica e de idénticas características ao do Foxo Vello en Pereiras, e non houbo ningún tipo de queixa nin represalia por parte da Xunta.

5º) A administración local ten dereito e autonomía propia para informar á veciñanza das actuacións que se van acometer próximamente nos seus barrios e ou parroquias.

6º) É lamentable que se dramatice e criminalice unha acción meramente informativa. A reacción da Deputación de Pontevedra e do deputado Santos Héctor é de todo desproporcionada e o único que vén a demostrar é que molesta que na administración local mosense se fagan ben as cousas, se informe aos veciños e se leve a cabo unha xestión eficaz e eficiente.