O IES do Barral entrega os premios “I Certame de poesía Seraogna”

As persoas gañadoras recibiron unha lámina exclusiva con adicatoria do poeta Alfonso Pexegueiro

Ponteareas | A Biblioteca “Agustín Fernández Paz” do IES do Barral foi o escenario de entrega dos premios do “I Certame de poesía Seraogna: a escola sen acoso”. Cara ao mediodía do 29 de maio enfiou o espectáculo coa lectura da acta do fallo do xurado. As persoas gañadoras recibiron unha lámina exclusiva con adicatoria de Alfonso Pexegueiro, ademais de cadanseu agasallo.

A seguir deleitaron coa súa composición o selecto público e ante a mirada emocionada do autor de “Seraogna”. Diante do graffiti que nos recorda o importante que é a infancia para Pexegueiro, realizouse a fotografía de todo o grupo.

O certame, que se encadra na xeira de actividades desenvolvidas neste curso para homenaxear “Seraogna” e Alfonso Pexegueiro, voz fundamental da literatura galega, tivo unha espléndida acollida entre a comunidade educativa: recibíronse máis de oitenta poemas de autoras pertencentes a diversos centros de toda Galicia.

Agradecemos a desinteresada colaboración do Concello de Ponteareas; da libraría Milfollas; de Manrique Fernández, quen se ocupou da edición da revista cos poemas premiados; de Acero Plus, que realizou a impresión; de Alexandre Bouzó, escritor ponteareán; do alumnado e do profesorado do IES do Barral.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.