O Hóckey Club Ponteareas feminino competirá na liga española

Por vez primeira na súa historia

Ponteareas | Momento histórico para Ponteareas e para o hóckey na vila. Despois de catro décadas, o Hóckey Club Ponteareas volverá participar en liga estatal, neste caso na OK Prata Feminina, converténdoo no primeiro equipo feminino da vila que xoga nesta categoría e no único representante da provincia de Pontevedra na competición.

“Para nós é un orgullo ver as grandes cousas que está a acadar o club, que despois de 15 anos de parón foi quen de retomar a actividade e alcanzar metas tan importantes. Un éxito que lle debemos en moi boa parte a José Carlos Álvarez, Portu, que loitou por ese soño que tiña e conseguiu entusiasmar a cativos e cativas incluso durante a pandemia, pero tamén é un éxito dos nenos e nenas, das familias e persoas implicadas no club e do apoio de colaboradores, administracións públicas e de todos os patrocinadores”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante a presentación do equipo do club.

Con novas fichaxes internacionais, as xogadoras do primeiro equipo participarán como adestradoras e formadoras da canteira e das escolas que o Hóckey Club Ponteareas está a crear en diferentes puntos e que agarda que sexa “determinante para a inclusión e expansión do hóckey feminino”. “O club está crecendo e somos conscientes de que estamos diante dunha oportunidade histórica. Para nós é un proxecto moi ilusionante, agora só agardamos encher o pavillón todos os partidos”, explicou Portu, presidente do club.

O acto contou coa presenza de directiva, patrocinadores, deportistas do club e as súas familias e reuniu tamén a representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. A deputada Iria Lamas quixo destacar a importancia de apostar polo deporte feminino e a igualdade e de chegar a un nivel de competición tan alto “que situará a Ponteareas no mapa e terá unha salientábel repercusión deportiva, económica e social”.

Pola súa banda, Daniel Benavides, responsábel do servizo provincial de Deportes en Pontevedra da Xunta, recalcou o momento histórico que supón este feito para o club e para Ponteareas e o logro de Portu “por ser profeta na súa terra e un referente a nivel deportivo dentro e fóra de Galicia”.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, asegurou que o Concello xa traballa na posta a punto das instalacións para a competición. “É un orgullo que unha actividade con tanta tradición en Ponteareas acade este fito. Hoxe é un día de celebración, porque sabemos todo o traballo que hai detrás por parte do club, unha gran familia con vontade de seguir crecendo e que seguro que nos seguirá dando moitas alegrías”.

Na presentación tamén participou Bernardo Acevedo, de ACEIMAR Marcote, un dos grandes patrocinadores do club e que apoiará esta iniciativa con dúas bolsas para as deportistas internacionais que se incorporen ao equipo.

Acevedo quixo aproveitar a ocasión para felicitar tamén ás familias, que “son o verdadeiro pulmón de calquera proxecto”, e avogou polas “sinerxías públicas e privadas para seguir desenvolvendo proxectos e devolver á sociedade todo o que nos dá”.