O Goberno Municipal do Porriño renuncia a subirse o salario

Por terceiro ano consecutivo o executivo rexeita aplicar o incremento retributivo do 0,5%

O Porriño | O Goberno Municipal do Porriño renuncia un ano máis a subirse o soldo e as retribucións de alcalde e concelleiros serán as contempladas no orzamento, sen a subida do índice que marca o IPC.

A tal fin, hoxe aprobouse no pleno, co voto a favor do goberno local e do grupo municipal do BNG e o voto en contra do do PSOE, a modificación da base 28 do orzamento que permitirá non aplicar o incremento retributivo do 0,5% aos cargos electos con dedicación exclusiva e parcial.

Así, o soldo do alcalde manterase en 39.540 euros se manteñen as contías para as adicacións exclusivas e parciais dos concelleiros e concelleiras.

“Comprometinme facelo, a ser o primeiro en mostrar austeridade toda a lexislatura e así o fago. Por compromiso coa veciñanza e tamén por responsabilidade e sentido común”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Non vou subir o meu soldo nin o do meu equipo, non o fixen antes das eleccións e non o farei agora”.