O goberno local leva a Pleno a aprobación do PXOM

sdr

Ponteareas | O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote, anunciaron hoxe que o Plan Xeral de Ordenación Municipal será debatido e aprobado o vindeiro luns 12 de agosto. O rexedor municipal convocou hoxe a comisión informativa previa ao pleno para o vindeiro mércores.

A aprobación do PXOM, que precisa de maioría absoluta do Pleno, está garantida ao contar cos informes técnico, xurídico e económico favorábel e ao sumar o goberno local 12 dos 21 edís da Corporación Municipal. Unha vez aprobado o documento a Xunta dispón de tres meses para aprobar definitivamente o Plan para que entre en vigor.

Represas e Garrote amosáronse “moi satisfeitos, porque imos cumprir cun dos nosos principais compromisos electorais e dar solución a un dos problemas máis graves e acuciantes que ten Ponteareas e que se arrastra desde hai 17 anos”. Esta será a segunda ocasión na que o goberno de coalición aprobe o PXOM provisionalmente, a primeira producíuse en 2016 pero o documento foi rexeitado pola Xunta. Agora, o Plan adáptase ás esixencias da administración autonómica polo que Represas e Garrote agardan que “a Xunta o aprobe coa maior celeridade, porque Ponteareas non pode seguir agardando máis”.

O goberno local lembra que “se trata dun Plan con cambios impostos pola Xunta; non é o que máis nos gustaría a nós xa que o noso PXOM foi rexeitado polo goberno galego en 2017. Pero a pesares diso, Represas e Garrote consideran que “a aprobación será unha grande noticia para Ponteareas pois co PXOM resolveremos numerosos problemas, poderemos ter solo industrial na Lomba para novas industrias e máis emprego, conseguir terreos municipais para aparcamentos, equipamentos como a escola infantil ou parques e zonas verdes ademais de solucionar os problemas legais que sofren numerosas empresas e comerciantes”.

O actual goberno xa tentou no mes de maio, antes das eleccións municipais, aprobar o PXOM pero non foi posíbel ao non contar con maioría absoluta, xa que PP, ACIP e EU-SON manifestaron a súa oposición. Para o actual goberno do BNG e PSOE, “o recente resultado electoral foi un respaldo inequívoco á nosa aposta decidida por aprobar o Plan Urbanístico”. Represas e Garrote cren que “ese apoio recibido revela que existe un amplo consenso social que abrangue a empresarios, comerciantes, colectivos sociais e veciñanza en xeral, que queren que o PXOM se aprobe dunha vez por todas. Agardamos que a oposición tamén se sume a ese consenso no vindeiro pleno”.