O goberno local acometeu melloras viarias en 2011 por valor de 2,1 millóns de euros

O alcalde, Abel Caballero, visitou hoxe luns unha actuación da brigada de intervención rápida do Concello na Gran Vía, que o pasado ano acometeu preto dun millar de accións en rúas viguesas por valor de 2,1 millóns de euros. O rexedor apuntou que “é un bo servizo” que permite atender ás demandas cidadás no mesmo día, ademais de pavimentar 26 rúas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou este “avance bastante importante” na xestión municipal pois permite acelerar a resolución das demandas cidadás no tocante a pequenas reparacións viarias en pavimento ou beirarrúas.
Explicou Caballero que este servizo foi disposto polo goberno local hai pouco máis de tres anos, concesionado a dúas empresas por un custo en 2011 de 2,1 millóns. No pasado ano, a brigada realizou case 600 actuacións en beirarrúas por valor de case 800.000 euros e outras case 200 en bacheados, ademais de pavimentar un total de 26 rúas.
A brigada tamén efectúa reparacións concretas en distintos puntos da cidade, segundo apuntou o alcalde, como as realizadas en Canicouva ou o vial ao Campus Universitario. “A experiencia é moi positiva”, indicou, pois permite “ser capaces de responder ás demandas dos cidadáns”.