O goberno estatal fai público o seu apoio ao modelo Ponte…nas ondas! ante a UNESCO

A través da/os ministra/os Miquel Iceta e Pilar Alegría

Vigo | “Este proyecto es una de las iniciativas culturales más bonitas y singulares desarrolladas entre España y Portugal. Un puente de comunicación que no sólo teje lazos educativos”, expresa o ministro de Cultura, Miquel Iceta, na breve intervención audiovisual coa que quere alentar e subliñar o apoio do seu departamento á inminente decisión sobre a entrada do modelo PNO! no Rexistro de Boas Prácticas da UNESCO. (Copia do vídeo aquí: https://youtu.be/UGr4Vr2Qp5s)

Un apoio que se suma ao da ministra de Educación e Formación Profesional do goberno español, Pilar Alegría, quen o pasado mes de novembro expresou tamén, nun vídeo enviado á comunidade educativa con motivo da celebración do Día Internacional do Patrimonio, a súa beizón a este proceso. (Copia do vídeo aquí: https://youtu.be/sA1GHFhmnOk)

Nesa mesma xornada, asistiu o propio embaixador de España na UNESCO, José Manuel Rodríguez Uribes, quen acudiu a Galicia para reunirse con Ponte…nas ondas! e apoiar a súa inscrición como modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.

Ademais, durante esa xornada o embaixador visitou o CEIP 6 do Nadal en Vigo, un centro educativo do modelo Ponte…nas ondas!. “Ponte…nas ondas! é un proxecto que encaixa perfectamente coa filosofía da UNESCO”, subliñou o embaixador.

Tamén no evento estiveron o secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a directora xeral do Patrimonio Cultural, Carmen Martínez Insua, e o representante da Deputación de Pontevedra, Santos Héctor Rodríguez. Unha delegación galego-portuguesa, que incluirá o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a directora xeral do Patrimonio Cultural, acudirá a Rabat os próximos días para a 17ª sesión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), a celebrar nesta cidade do 28 de novembro ao 3 de decembro de 2022.

Celebración nas escolas
Cara a esta inminente inscrición de Ponte…nas ondas! como modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial no rexistro de UNESCO, a asociación fixo un chamamento a todos os centros colaboradores a sumárense á celebración de xeitos diversos: gravación de programas de radio, uso dos materiais e recursos didácticos, proxección de vídeos, audición de pezas musicais etc.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e sete anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués.

Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.