O goberno de Ponteareas rebate as críticas da oposición sobre a Policía Local e a seguridade cidadá

“As detencións da fin de semana reflicten a eficacia da Policía Local diante de feitos illados, esporádicos e excepcionais” sinala o concelleiro Roberto Mera.

Ponteareas | O goberno local saíu ao paso das críticas da oposición e defendeu o labor da Policía Local, a súa eficacia e o nivel de seguridade cidadá en Ponteareas. O concelleiro de Bo Goberno e de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, lembrou que na pasada fin de semana a Policía Local detivo a dúas persoas que agrediran a un veciño nunha terraza do Paseo Matutino. “Malia a atitude extremadamente violenta dos dous individuos a Policía Local logrou reducilos e detelos para poñelos a disposición xudicial. Por iso non se entende que a oposición fale de inseguridade cidadá. Non é a primeira vez que se producen pelexas ou agresións en Ponteareas, como en calquera outro lugar, pero son excepcionais. O importante é que a seguridade cidadá está garantida por unha Policía que actua con eficacia, coma nese caso”. Mera pedíu que non se xenere alarma social inxustificada porque “en calquera intervención na que a policía debe reducir a persoas agresivas se producen contusións e golpes e, neste caso, os axentes que interviron con grande profesionalidade afortunadamente non sofreron lesións de importancia e prestaron de novo servizo ao día seguinte con total normalidade”.

A Policía persegue e intercepta a un condutor que se deu á fuga nun control e que triplicaba a tasa de alcoholemia permitida

O edil nacionalista informou que na noite do sábado cinco axentes realizaron inspeccións de locais, control de horarios de terrazas, do uso de máscaras e de alcohol e drogas, con varios positivos. Nun dos controis, un condutor deuse a fuga e tras unha persecución foi interceptado na rúa dos Ferreiros. Trala correspondente proba comprobouse que o condutor triplicaba a tasa de alcohol permitida polo que se instruiron dilixencias penais por un delicto contra a seguridade vial. Mera tamén lembrou a recente actuación exitosa de catro axentes nun incendio nun hotel da localidade nun sabado de madrugada.

Diante da petición do grupo municipal ACIP, a alcaldesa accidental Cristina Fernández convocou a Xunta de Voceiros para este venres a fin de dar toda a información que os grupos municipais soliciten sobre o incidente do pasado venres e o funcionamento da Policía Local.