
Aldea Global | A inclusión sociolaboral, a economía circular e a educación ambiental son os tres piares do novo proxecto apoiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade á ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz en Cuba. A intervención, financiada con 15.000 euros, estase a implementar no Xardín Botánico ‘Quinta de los Molinos’, espazo de referencia para a integración e a sustentabilidade na Habana.
Na Quinta de los Molinos traballan actualmente 21 persoas con discapacidade, que representan unha cuarta parte do cadro de persoal dedicado ao mantemento das 4’5 hectáreas de bosques e xardíns do recinto e que tamén se encargan doutros espazos verdes da capital. Para poder realizar o seu labor con máis independencia e eficacia, e fortalecer esta inserción laboral, facilitaránselles triciclos eléctricos adaptados, que ademais non emiten gases contaminantes e poden alimentarse mediante enerxías renovables.
Do mesmo xeito, no xardín botánico ubícase unha Rede de Emprendementos Sostibles que aglutina unhas 450 pequenas empresas que ofertan diversos produtos e servizos, desde artesanías elaboradas con materiais reutilizados ata alimentos de proximidade, xoguetes didácticos ou artigos para o fogar. Neste contexto, instalarase a recollida diferenciada e establecerase un sistema circular para a reciclaxe de residuos que se transformarán en materias primas válidas. Por último, impartiranse obradoiros medioambientais nos que arredor de 150 nenas e nenos activarán a súa creatividade para darlle unha nova vida aos refugallos.
A intervención inclúe asemade a elaboración dun Programa Integral de Sustentabilidade, que servirá de guía para a xestión ambiental, social e económica da Quinta de los Molinos e poderá replicarse noutros espazos patrimoniais. O proxecto, que conta co apoio da Oficina do Historiador da Cidade da Habana como parceiro local, encádrase no ODS 11 da Axenda 2030: “Lograr que as cidades sexan máis inclusivas, seguras, resilientes e sustentables”.




