O Filandón de Músicas do Courel volveu celebrarse ao aire libre

Este 8 de agosto, coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense
A alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro (dereita) e o xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta, Gerardo Criado.

Seoane do Courel | A crise sanitaria obrigou o ano pasado a celebrar o Filandón de Músicas do Courel a porta pechada -no interior da antiga ferrería de Seoane- por primeira vez na súa historia. Este ano o festival poderá desenvolverse de novo ao aire libre, aínda que con control de aforamento para cumprir as normas vixentes de prevención de contaxios.

O programa da nova edición, que se celebrou este domingo -a partir das 18.30 horas- foi presentado por Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e da escola local de gaitas, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e o xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta, Gerardo Criado.

Segundo explica a alcaldesa, as prazas estarán limitadas en principio a cen persoas. “Dependendo de cómo evolucione a situación poderíase dar cabida a algúns espectadores máis, pero por agora preferimos ser prudentes”.

Os espectadores deberán asistir ao festival sentados en cadeiras coa debida separación e será obrigatorio o uso de máscaras protectoras. Por outra parte, ao igual que o ano pasado, as actuacións poderán ser seguidas en directo por Internet a través dun canal de YouTube denominado XoseLoisFoxoLive.

Homenaxe a un gaiteiro
A nova edición do Filandón de Músicas -que será a número 24- estará dedicada á memoria de José Rodríguez Núñez, un gaiteiro da localidade quiroguesa de Pacios da Serra que faleceu recentemente.

O programa comprende unha actuación da cantante e compositora ourensá Carmen Penim, quen presentará un audiovisual baseado no seu último disco, Cantos de terra e de sal.

No cartel tamén figuran actuacións do trío de violinistas formado por Tatiana Kostomarova e Anna e Mikhail Merzlyakov, así como da orquestra Río Leira de Vilamartín de Valdeorras, da banda de gaitas e das cantareiras da Escola Toxos e Xestas de Barcelona e dos gaiteiros Marco Foxo e Manuel Méndez Silvelo. Así mesmo, no festival participarán os cantores e músicos populares Mariluz Pombo, Jacinta Fernández Alonso, Xesús Galán, Sindy Carreira e Domingo Neira, entre outros.

Por outro lado, a organización do festival entregará réplicas da chamada “táboa da hospitalidade” -unha coñecida peza arqueolóxica romana procedente do Courel- a Carmen Penim e Alejandro Rubín, antigo director de Expourense e actual vicepresidente executivo da Orde do Camiño de Santiago.

O programa comprende ademais unha exposición de libros, discos, instrumentos musicais populares e produtos típicos da serra do Courel. Pola súa parte, Gerardo Criado sinalou que o festival “é unha clara referencia na posta en valor do noso patrimonio lírico e musical, pero tamén un foro para os artesáns destes instrumentos populares, para promocionar os produtos da zona e sobre todo para ser referente da historia das músicas do Courel”.

Criado indicou tamén que a organización do Filandón conta con axudas da axencia Turismo de Galicia e coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio e Consumo e da fundación pública artesanía de Galicia.

Os organizadores do Filandón, por outra parte, levaron onte a cabo unhas ofrendas florais ás falecidas cantores Elvira Touzón Quiroga e Ilda Álvarez Macía, que participaron en diversas edicións do festival. Os actos celebráronse na localidades de Santa Eufemia e Ferreirós de Arriba, onde residían respectivamente as cantoras e onde están erixidos senllos monumentos á súa memoria.

Como xa sucedeu noutras edicións, o festival será precedido por unha recreación dunha malla tradicional na aldea de Noceda.