• Segue conectado
  • |

O Festival Galego de Cabaré volve á cidade con catro espectáculos que mesturan teatro, danza e música cun chisco de provocación

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, e o coordinador do festival, Nelson Quinteiro, presentaron esta mañá en María Pita un programa de marcado carácter multidisciplinar

A Coruña | O próximo 25 de marzo arrincará no Teatro Colón a undécima edición do Festival Galego de Cabaré que, con catro espectáculos que mesturarán o teatro, a danza, a música e o circo, converterá a cidade na capital dun xénero que abraza distintas formas de expresión baixo a mesma creación escénica.

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, mostrou a súa satisfacción polo regreso do festival á cidade tras uns anos de ausencia cun programa “irreverente, satírico e onde a música, o baile, o humor, a maquillaxe e o vestiario se unen nun espectáculo de gran forza, onde o cabaré é cabaré e nada máis”.

O coordinador do festival, Nelson Quinteiro, agradeceulle ao concello o apoio que lle prestou ao festival que chega da man de máis dun centenar de artistas procedentes de distintas disciplinas, pero todas enlazadas polo mesmo fío condutor de “aleivosía, nocturnidade e un pouco de perversión e provocación”. Quinteiro mostrouse moi satisfeito de que A Coruña recupere un festival “único destas características en todo o país ao integrar diferentes formas de expresión” e que serve para “poñer a cidade herculina no mapa das e dos comediantes de cabaré do século XXI”.

Destacou o intenso labor realizado para facer realidade un programa que cualificou “do mellor dos mellores desde o seu nacemento”. Un festival, apuntou, actual, contemporáneo, acorde cos tempos e coas diferentes vertentes que o cabaré adoptou nos diferentes anos.

O pistoletazo de saída darao o mércores 25 de marzo a compañía El Burlesco Malandrín con “Cabaresque”, un espectáculo que mestura o cabaré, o burlesque, o show de variedades do xénero da revista española con toques de jazz, tango e un chisco de “canallismo”. Un show en pequeno formato que recreará un cabaré dentro da caixa para
unha capacidade reducida de 70 espectadoras/es que terán un rol protagonista nos xogos de improvisación das actrices e dos actores.

O programa inclúe o xoves 26 unha homenaxe a Pía Tedesco con “Life is a cabaret”, unha adaptación de diversos espectáculos da compañía de Nelson Quinteiro a través de pezas interpretadas pola artista arxentina. Tedesco, todo un referente no café-cabaré, é considerada unha das grandes estrelas do xénero na actualidade. Do seu talento, lembrou Quinteiro, xurdiron propostas tan interesantes como o Festival “Cabaret Flotante” no lago do Retiro da Casa de Campo de Madrid ou o Festival Iberoamericando de Cabaré FICE 2015.

O venres 27 será a quenda de “Paseando o swing” da man da Swing Machine Orchestra, unha oferta xenuína a cargo dunha banda de doce músicos de corda e bailaríns de distintas procedencias que realizarán un percorrido pola época dourada do swing.

O festival baixará o pano o día 28 coa gala “Femme fatale” na que todo o protagonismo xirará ao redor da vertente feminina do cabaré. Para Quinteiro, no século XXI non se pode facer cabaré sen ter en conta o empoderamento da muller. Música, actuacións aéreas, humor, maxia, danza e moito, moito burlesque poderase ver nesta gala que recolle o espírito das primeiras galas polas que pasaron preto de 500 artistas.

O programa incluirá dúas master class sobre creación de personaxes, linguaxe corporal e de como poñer en marcha espectáculos de sedución burlesque, que serán impartidos polas/os artistas e dos que se informará a través da redes sociais.

As entradas xa están á venda no Teatro Colón.

Publicado o 17 Feb 2020 en A Coruña, Cultura, Portada.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses desde a súa publicación. É posible que o contido non estea actualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies