
Monforte de Lemos | Tralo éxito da XXII Feira Medieval de Monforte, o Concello empeza a organizar o Festival do Viño da Ribeira Sacra 2026, que celebrará a súa oitava edición os vindeiros días 3, 4 e 5 de xullo, no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe.
A xunta de goberno aprobou a licitación do contrato para o subministro en réxime de aluguer das estruturas e elementos necesarios para o seu desenvolvemento, que sae a concurso público por un valor estimado de 117.581,75€, ive engadido. O prazo para a presentación de ofertas estará aberto ata o día 28 de abril.
O alcalde, José Tomé Roca, apunta “é un evento totalmente consolidado no calendario enogastronómico galego e unha cita de referencia para a promoción dos viños da denominación de orixe Ribeira Sacra”. O certame conta con participación de ata 30 adegas e 12 postos de gastronomía local, e compleméntase cun amplo programa de actividades culturais, musicais, catas profesionais e obradoiros infantís de acceso gratuíto.
Deste xeito, o contrato que sae a licitación comprende a totalidade dos traballos necesarios para dotar ao Festival dunha infraestrutura completa, funcional e de calidade. Concretamente, inclúe o deseño da imaxe gráfica e sinaléctica, o mobiliario, o subministro e montaxe de estruturas tanto de titularidade municipal como outras necesarias para a celebración (stands de adegas, gastronomía, zonas de recepción, palco, pórtico e zona infantil), as instalacións eléctricas e de fontanería; o subministro de aseos portátiles, e a xestión loxística da montaxe e desmontaxe.
Os materiais que non son estruturas propiedade do Concello entréganse en réxime de aluguer, agás os elementos gráficos (vinilos, lonas e sinaléctica impresa), que pasarán a ser propiedade do Concello ao remate do evento.
Madeira, tons violetas e xardíns verticais
A estética da instalación mantén a liña da pasada edición, madeira en cor natural, tons violetas e elementos máis contemporáneos como son as teas microperforadas personalizadas en estruturas e pequenos xardíns verticais que o converte nun Festival de elite dentro dos eventos do viño. O recinto contará zona de sombreado e tótems informativos co programa de actividades para que o visitante poida pasear comodamente polos stands e seguir o programa de actos.
Áreas diferenciadas do Festival do Viño
Zona de adegas: 30 adegas participantes en 15 stands dobres. Zona de gastronomía: 12 stands de operadores gastronómicos locais e comarcais. Zona de recepcións e imaxe institucional: Recepción 1 (atención ao visitante e prensa) e Recepción 2 con Sala de Catas. Palco inaugural e escenario de actuacións. Pórtico de entrada, photocall e sinaléctica. Zona infantil con obradoiros e actividades.
Zona de servizos: lavado de copas, aseos portátiles e almacéns.
Tal e como explica o alcalde, “o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte ten como gran protagonista o viño da Ribeira Sacra, pero con actividades dirixidas a todos os públicos nun entorno natural e apracible como é á beira do Río Cabe, no Paseo do Malecón”.
Un evento “imprescindible –engade-, non só no sur da provincia de Lugo, senón tamén en toda Galicia, e fora das nosas fronteiras, ademais dunha oportunidade para descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, das súas tradicións, da súa gastronomía e, por suposto, do viño”. Na foto a inauguración da edición do ano pasado.




