O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral

Con espectáculos e lectura do Manifesto

Santiago de Compostela | A X edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.

As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Marín, A Laracha, Narón, Culleredo, Portonovo, Cangas, Alfoz, Soutomaior, Oleiros, Fene, Brión, Ribeira e Ourense. Será un día de festa e tamén de reivindicación.

Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo e Penadique, José Luis Gutierrez ‘Guti’, Erica González, Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Atenea García, Celso F. Sanmartín, Anxo Moure, Servando Barreiro, Ramiro Neira, Larraitz Urruzola, Mirari Urruzola, Cris de Caldas, Iseo a Moura, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.

Ademais, nesta edición o escritor, investigador e creador da web Galicia Encantada Antonio Reigosa é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.

Unha arte de sempre e moi viva
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións que o colectivo de narradores e narradoras galegas insta a ser retomadas, principalmente naqueles concellos e espazos que permanecen pechados dende o comezo da pandemia.

Para os eventos culturais e para os artistas en particular estes dous anos foron moi duros, de reinventarse e adaptarse a mil situacións diferentes e conmemoran o seu día coa alegría e coa ilusión de tempos novos ubicando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera.

A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL DA NARRACIÓN ORAL 2022
Antonio Reigosa

Escoita!
Achégate! Non oes o burbullar das palabras dentro da miña cabeza! Estanse preparando para contarche algo.

Quizais un conto feito desas palabras que agora se acicalan para estaren o máis fermosas posible cando as escoites. Para gustarche cando chas conte coa miña boca, cos meus ollos, coas miñas mans, cos meus abrazos e co meu corazón que está cheo de sorrisos e silencios pero, sobre todo, de amor. De infinito amor!

Escoita!
Era unha vez unha fonte que quería ser regato. Despois imaxinaba que podería ser lago ou río con pozos, meandros e fervenzas. E aínda, se cadrar, medrar e medrar ata chegar a ser mar.

Mentres daba os primeiros pasos xa imaxinaba a música, ora calma ora estrepitosa, do seu andar.

E aínda, postos a imaxinar, gustaríalle chegar a ser océano para bicar a terra de varios continentes, aínda que isto xa é moito para unha fonteliña que naceu no monte, ao abrigo dos abrazos das raíces dun carballo vello e sabio.

Escoita!
Pero a fonte non pensara —aínda non tiña memoria— que por estar feita de palabras de auga, e por moito que medrase, e aínda que chegase a ser un gran océano, acabaríase evaporando pinga a pinga, palabra por palabra ata esvaecerse nun vento cálido e agarimoso onde soñar.

A fonte non sabía que despois de pasar unhas vacacións nas nubes volvería ser chuvia ou neve ata desprenderse e caer para soterrarse no profundo da terra antes de volver a ser algún día, outra vez…

… unha fonte.
Un manancial de palabras de auga, frescas e cantareiras, listas para recomezar a contar.

Escoita!
Contar é abrir o ollo da fonte do saber. Contar é dicir palabras de auga que serán regato, lago, río, mar ou océano, e que un día se evaporarán pero non para morrer senón para volver á terra e renacer entre as raíces de quen as agarda para amalas.

As palabras de auga deixan memoria en quen as bebe, e quen as bebe con sede de saber e gozar converterase nun cano desa fonte que, ao seu xeito, contará as historias que aprendeu para matar a sede de escoitar de todas as criaturas.

Sen auga non hai vida e sen as voces que aloumiñan as fantasías, tampouco haberá mañá!