O festival “Algazara Danzando entre Culturas” volve a Ponteareas

O vindeiro 19 de setembro con actuacións de Cabo Verde, México e Portugal
A agrupación “Batuko Tabanka” levará dende Burela ata Ponteareas a súa música e tradición caboverdiana.

Ponteareas | Os ritmos folclóricos internacionais volverán resoar en Ponteareas este mes. O vindeiro domingo día 19 de setembro o parque da Feira Vella acollerá a 7ª edición do festival “Algazara Danzando entre Culturas”, que organiza a Agrupación Folklórica Algazara xunto a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas. O evento tivo que ser suspendido pola chuvia en agosto, pero mantén todas as actuacións programadas.

O acceso ao festival será libre ata encher aforo. Para poder asistir será preciso reservar entradas de maneira online. A pandemia, tal e como pasou na pasada edición, complicou moito a presencia de grupos internacionais.

Por iso, dende o festival, “apostouse por agrupacións de ritmos estranxeiros, pero afincadas en Galicia e Portugal”, como sinalou o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. África estará representada polo grupo de orixe caboverdiana Batuko Tabanka, Portugal polo Rancho folclórico São João Baptista (Nogueira, Braga), e México polo grupo Mariachi Vigo. As súas actuacións darán color a unha xornada na que a música galega tamén estará presente nas notas da Agrupación Folklórica Algazara.

Batuko Tabanka está integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense. Dende a súa fundación ten o obxectivo de dignificar a cultura de Cabo Verde, e lembrar a súa orixe africana en todos os expoñentes culturais posíbeis.

Na súa música destaca o batuko, un pano pregado colocado entre as pernas e que funciona como instrumento de percusión, e as súas mensaxes de respecto, e diálogo coas migracións.

Mariachi Vigo é unha agrupación afincada en Galicia e formada por profesionais latinoamericanos con máis de 20 anos de experiencia na música. No seu amplo repertorio hai dende boleros, a polkas, pasando por pasodobres, rancheiras, serenatas… E, por suposto, non faltan as pezas máis tradicionais de México.

A Agrupación Folklórica Algaraza é un grupo xa histórico en Ponteareas. Xurdiu a finais do ano 1997, cando un grupo de amigos uniuse para formar unha asociación que recuperara e difundise o folclore tradicional de Galicia e, en concreto, da zona de O Condado.  Nos seus 24 anos de historia participaron en numerosos festivais por toda a Península Ibérica. Ademais do Festival Internacional Algazara Danzando entre Culturas tamén organizan o Festival Algazara que cada outono achega a Ponteareas grupos de folclore nacional.

O rancho folclórico S João Baptista de Nogueira é unha agrupación con 27 anos de historia. Na súa viaxe pasaron moitas persoas, amizades, alegrías e, sobre todo, moita música e aprendizaxe para promocionar e compartir as tradicións musicais da zona de Braga en concreto, e de Portugal en xeral.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!