
Santiago de Compostela | A continuación reproducimos íntegramente o manifesto das organización sindicais de ensino esixindo as súas reivindicacións diante da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
“Manifesto concentracións 26 de xuño:
Todas as organizacións sindicais do ensino concertado estamos hoxe aquí mobilizándonos porque solicitamos que a Consellería de Educación nos reciba e se inicie o desbloqueo e a negociación na Mesa Tripartita de novos Acordos tan necesarios para o persoal traballador do sector, así como a recuperación doutros incumpridos ou bloqueados.
Temos moitas razóns para protestar, reivindicar e estar moi cansas e cansos:
1. Porque só se acordan de nós para establecer novas obrigas, novas cargas, recortes e máis burocracia e todo sen pasar pola Mesa de Negociación Tripartita.
2. Porque se nos obriga a impartir sete horas máis en secundaria, e dúas en primaria e infantil. As medidas de redución de carga lectiva para a mellora da calidade educativa non se van aplicar ao nosos docentes, implicando que nos nosos centros teremos profesorado e alumnado de segunda.
3. Porque levamos máis de dezaoito anos esperando por algúns temas, como o desbloqueo da Lei de Orzamentos para executar o Acordo de 24 de abril de 2008 negociado, asinado e publicado no DOG que recoñecía un complemento de equiparación salarial, que hoxe en día ten unhas diferencias salariais de máis do 10%, así como a redución da xornada lectiva. Redución da xornada lectiva que a día de hoxe non se están a negociar na ensinanza concertada.
4. Porque, utilizando a lei de orzamentos, se está bloqueado tamén o abono da paga extraordinaria de antigüidade (PEA), así como calquera outro recoñecemento da extraordinaria por antigüidade e o abono dos complementos de certos cargos, dinamización lingüística, coordinacións, titorías,…
5. Porque o último acordo de xubilación parcial deixa fora aos compañeiros e compañeiras con parte da súa xornada en pago privado así como que o Acordo de Recolocación non garante manter todos os postos de traballo.
6. Porque o persoal de administración e servizos (PAS), fundamental nos nosos centros, ten unhas condicións de miseria, sendo necesario aprobar para eles un complemento autonómico retributivo.
7. Porque a Mesa Tripartita do ensino concertado, cando esporadicamente se reúne, non cumpre a súa función de ser organismo de negociación, senón de información do que lle interesa á Consellería.
Son moitos agravios durante moitos anos que levaron ao persoal do sector do ensino concertado en Galicia á situación de desamparo na que nos atopamos. Falamos dun terzo da educación en Galicia, de máis de sete mil profesionais que colaboran co seu traballo diario a manter, dignificar e potenciar a calidade da educación en Galicia da que tanto presume a Consellería de Educación.
Acordos na concertada, xa!”




