Lugo | José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo, participou este domingo na 22º edición do Día do Veciño, organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo no Pazo de Feiras e Congresos da cidade lucense. Este ano superouse o récord de participación coa asistencia 5.500 persoas de diferentes entidades e colectivos da provincia. Esta cita conta cunha achega da institución provincial de 18.000€ e un lote de produtos de proximidade valorado noutros 6.000€.
“Para min ten un sentido moi especial asistir cada ano a esta festa que xunta a veciños e veciñas de toda a xeografía lucense. Persoas para as que traballamos cada día dende a Deputación da man dos Concellos, para conseguir máis e mellores servizos”, sinalou Tomé Roca durante a súa intervención.
O mandatario provincial animou ós asistentes a gozar dunha “festa de convivencia, de irmandade e para compartir o orgullo que sentimos como veciños da provincia”. Quixo felicitar ao Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, coa V de Veciño nesta edición.
“Un recoñecemento supón un inventivo para seguir escoitando e atendendo as necesidade dos veciños e veciñas, que é o noso obxectivo e a nosa obriga como representantes públicos”, valorou.
Tomé Roca entregou a V de Veciño ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible de España, Óscar Puente; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; os presidentes da Asociación de Veciños Santiago de Adelán, e da Comunidade de Monte Veciñal e Mancomún Corva, Fernando González Palmeiro, e José Manuel Pena Regueiro; e a secretaria da Asociación Veciñal Penedos do Zorro de San Miguel de Vilapedre de Sarria, María Mónica López.
O Día do Veciño reflicte, en palabras do presidente “o espírito veciñal, o de axudarnos uns ós outros, o de estar presentes cando máis se necesita, é o que nos sostén como sociedade. Ese mesmo espírito que, durante xeracións, nos acompañou en tempos de dificultade e nos fixo máis fortes”. Destacou ademais que este tipo de encontros “fortalecen os lazos entre nós” e ademais “nos inspiran a continuar construíndo unha provincia mellor, máis xusta e solidaria”.