O día 24 presentase en Sober o cartel da Feira do Viño de Amandi

A XLIV edición será o 22, 23 e 24 de marzo

Sober | O Concello de Sober fallou o concurso do cartel que anunciará a XLIV Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 22, 23 e 24 de marzo, coincidindo como é habitual coa fin de semana do Domingo de Ramos.

O xurado, formado por técnicos municipais, elixiu entre unha vintena de propostas chegadas de diferentes puntos do Estado. Ademais dos orixinais de Sober, Monforte e Chantada, tamén se recibiron carteis das outras tres provincias galegas. De fóra de Galicia, chegaron propostas de Murcia, Castellón, Madrid e A Rioxa. O grupo máis numeroso chegou da propia Comunidade.

A proposta gañadora foi a titulada “Federica Faneca” da autoría de Eduardo Pérez Baamonde, de Vilalba, gañador do mesmo concurso no ano 2021. Resultaron finalistas os traballos de Fernando Mariño, do Incio; Sara Bernárdez, de Vigo; e José Luis Pulido, de Madrid.

O deseño que anunciará a Feira do Viño de Amandi será presentado oficialmente o sábado 24 de febreiro na Capela da Barca, data na que se dará a coñecer a programación do mes do Amandi e o programa de actividades da XLIV Feira do viño de Amandi. Este ano por segunda vez consecutiva a feira dará comezo na xornada do venres pola tarde. Na foto, o alcalde Luís Fernández Guitián abrindo os sobres cos diseños participantes.