O deporte non para en Mos a pesar da crise do COVID-19

Os e as mosenses poden seguir facendo exercizo e manténdose en forma durante o confinamento polo coronavirus grazas aos vídeos grabados polos monitores deportivos municipais e publicados na canle de YouTube, o Facebook e a páxina web do Concello

Mos | Non hai excusa para o sedentarismo a pesar do confinamento decretado polo estado de alarma na actual crise do COVID-19. A concelleira de Deportes mosense, Begoña Toucedo, os monitores deportivos do Pavillón Municipal Óscar Pereiro e dos programas deportivos municipais ‘Exercítate’ e ‘CóidaTe-Un coaching para ti’ están a grabar desde onte vídeos de exercizos desde quecemento, tonificación, estiramentos… etc. para que tanto os/as
usuarios/as dos devanditos programas deportivos como todos/as os/as mosenses que están nas súas casas poidan manterse en forma e non perdan os hábitos de vida saudables.

Os vídeos poden ser visualizados e realizar as clases que neles se imparten por calquera persoa que estea interesada en facelo, simplemente consultando a canle de YouTube, o Facebook e/ou a páxina web municipais.

Por sistema as publicacións realizaranse todos os martes e xoves, aínda que poden producirse tamén publicacións a maiores durante outros días da semana.

Con esta iniciativa de sesións deportivas virtuais perséguese o obxectivo de concienciar á poboación da necesidade que quedar na casa e mentalizala de que facendo deporte xuntos, aínda que na distancia, podemos contribuír a frear o virus.

Máis información sobre os programas deportivos municipais ‘Exercítate’ e ‘CoidaTe’
O proxecto  municipal ‘Exercítate’ está dirixido á xente da terceira idade do Concello de Mos e a súa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e potenciar tanto a saúde física coma a mental mediante actividades lúdico-deportivas.

O devandito programa conta con clases de natación e ximnasia no Pavillón Óscar Pereiro e cada curso, edición tras edición, supera as 100 persoas participantes.

O obxectivo xeral deste programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores do Concello de Mos, así como aumentar a súa independencia funcional e autoestima. Utilizando unha metodoloxía activa e moi participativa, baseada na dinámica de traballo grupal, buscando as vantaxes que pode ofrecer un grupo tales coma favorecer as relacións sociais, facer as actividades máis amenas, etc.

Por outra banda o programa ‘CóidaTe-Un coaching para ti’ é unha iniciativa municipal de deporte e benestar, dirixida a todos os públicos en idade adulta, para manterse en forma e incorporar hábitos saudables ás vidas da veciñanza mosense. Inclúe preparación física persoal, ximnasia, control de peso, mantemento… etc.

Ata a declaración do estado de alarma polo coronavirus impartíase no Pavillón Patricia Martínez en Castro-Mos os luns e mércores de 11h a 12h ou de 12h a 13h e os martes e xoves de 21h a 22h.