O delegado territorial da Xunta e a alcaldesa visitan a Área de Rehabilitación Integral de Ponteareas

De importancia para a recuperación do núcleo histórico ponteareán

Ponteareas | A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, visitou este xoves acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e do xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, a recentemente declarada Área de Rehabilitación Integral de Ponteareas.

“Trátase da primeira zona con este recoñecemento do concello, unha zona de 92.875 metros cadrados que ocupa o núcleo histórico da vila e que beneficiará a un total de 518 vivendas”

Trátase da primeira zona con este recoñecemento do concello, unha zona de 92.875 metros cadrados que ocupa o núcleo histórico da vila e que beneficiará a un total de 518 vivendas agrupadas en 74 edificios de uso residencial colectivo e 133 vivendas unifamiliares, así como 5 edificios de equipamentos e 16 destinados a outros usos.

Na visita a rexedora explicou a López Diéguez que “catalogar o núcleo histórico como ámbito ARI supón dar un paso máis na recuperación desta zona tan emblemática de Ponteareas, unha zona vella moi degradada, con numerosas vivendas desocupadas e nun deficiente estado de conservación”.

“Queremos poñer en valor o noso núcleo histórico, recuperando as súas edificacións, adaptando á contorna ás necesidades funcionais actuais e sentando as bases para a súa proxección futura. Un futuro no que urbanismo e política social irán da man, porque para nós é fundamental contar cunha Ponteareas accesible na que toda a veciñanza poida desfrutar en igualdade dos espazos urbanos, dos equipamentos e das instalacións públicas”, recalcou Fernández Davila.

O Concello de Ponteareas apostou por conseguir a declaración de zona ARI do núcleo histórico “como parte da estratexia marcada para dinamizar o núcleo urbano, o que supón unha mellora indiscutible da calidade de vida das persoas e a recuperación de espazos públicos e privados”. Para a rexedora, este recoñecemento “axudará á recuperación urbanística do núcleo histórico e favorecerá a creación de emprego”. Unhas medidas nas que tamén se encadra a adquisición dun edificio na Praza maior que se destinará a servizos municipais para a veciñanza.

“O Concello de Ponteareas apostou por conseguir a declaración de zona ARI do núcleo histórico ‘como parte da estratexia marcada para dinamizar o núcleo urbano”

Como recolle o informe presentado á Xunta, o custo estimado polo Concello das actuacións de rehabilitación residencial necesarias neste ámbito ascende ata case os 46 millóns de euros á que habería que sumar outro 4,9 millóns para as obras de reurbanización, algunhas delas xa en marcha ou en trámite.

Tendo en conta as axudas de tata 24.000 euros para o arranxo das vivendas das que poden beneficiarse as persoas propietarias dentro da zona ARI, calcúlase que Ponteareas podería recibir nos vindeiros anos ata 12,4 millóns de euros en achegas públicas para investir na recuperación e rehabilitación das edificacións.

Para facilitar o acceso a estas axudas, Ponteareas porá en marcha unha oficina municipal de rehabilitación ARI, que estará situada de forma provisional na Casa do Concello. Nesta oficina as persoas interesadas en solicitar algunha das subvencións poderán, entre outras cousas, solicitar asesoramento técnico, pedir información sobre as axudas dispoñibles ou acceder á documentación técnica necesaria.

O ámbito do ARI en Ponteareas organízase arredor de dúas prazas da vila, a Praza Maior e a Praza de Bugallal, que compoñen o centro da Área de Rehabilitación Integral. Dende aí a zona ARI medra comezando dende o sur, os Xardíns da Xiralda, a Casa do Concello e a Praza de Bugallal, a conexión entre ambos espazos pola Avenida da Constitución e a contorna da Igrexa. A continuación está a conexión entre ambas prazas principais, incluíndo así tamén a Rúa de Oriente e a Rúa da Esperanza.

“O ámbito do ARI en Ponteareas organízase arredor de dúas prazas da vila, a Praza Maior e a Praza de Bugallal, que compoñen o centro da Área de Rehabilitación Integral”

Un punto importante do núcleo histórico é a Praza Maior e as rúas que saen dende ela para conectala con distintos espazos da vila. As rúas traseiras da Praza Maior, xunto coa Rúa dos Ferreiros forman outro espazo cun carácter propio, e de grande importancia no ámbito. A Rúa dos Ferreiros prolóngase cara o sur coa Rúa do Doutor Fernández Vega, que remata o ámbito antes da Praza de Abastos.

Finalmente, a parte máis ao norte da zona ARI será a Rúa Real, que corresponde ao paso da N-120 pola vila. Na zona onde esta rúa desemboca dende a Praza Maior indo pola Baixada de San Gregorio atópanse uns edificios históricos con clara necesidade de rehabilitación.