Os graves acontecementos vividos o mércores 21-Ou nas rúas da Coruña esixen un exame rigoroso, afastado do maniqueísmo e do automatismo con que se adoitan resolver as tensións sociais na esfera pública. A análise xurídica, política e social obriga por o foco onde realmente radica a calidade democrática dun país: no respecto sacrosanto aos dereitos fundamentais, na responsabilidade dos poderes públicos e no mantemento do sentido fondo e lexítimo da mobilización cidadá.
En primeiro lugar, cómpre reivindicar a lexitimidade incontestábel da mobilización pacífica contra do discurso da extrema dereita. Nun Estado democrático de dereito, a resposta na rúa os discursos políticos que cuestionan o marco dos dereitos humanos, dos dereitos nacionais de Galicia e a igualdade non é un mero exercicio de protesta: é unha expresión viva da nosa propia arquitectura democrática. Para máis, o principio da democracia militante (que teremos que asumir máis cedo ca tarde) lexitima que a cidadanía convoque xuntanzas e demostracións cívicas para protexer as liberdades civís fronte quen emprega as institucións para baleiralas de contido. A concentración pacífica fronte ao discurso antidemocrático de Vox constituíu un acto de dignidade colectiva e de exercicio pleno das liberdades de reunión e expresión garantidas polo artigo 21 da Constitución.
Porén, a eficacia deste exercicio democrático corre o risco real de verse desvirtuada cando xorden episodios de violencia marxinal. Como seica dicía Confucio «…cando o sabio sinala a lúa, o parvo olla para o dedo…». A lúa é o avance das proclamas reaccionarias e o risco de erosión dos dereitos sociais conquistados; o dedo son as barricadas, a queima de colectores de lixo e o lanzamento de pedras. Cando un pequeno grupo opta pola vía do enfrontamento físico, prodúcese un inmediato e perverso desprazamento da atención mediática e política. O debate deixa de xirar arredor da ameaza dos discursos de odio para se centrar de xeito exclusivo no vandalismo.
Velaí que, aínda que a prevención absoluta resulte complexa nunha convocatoria aberta, as organizacións convocantes teñen a dobre obriga política e estratéxica de illar con firmeza estas condutas, evitando que se converta a anécdota violenta no argumento principal do adversario. Moito máis se constitúen a alternativa de goberno neste país, como é o caso do soberanismo galego. Semella que este argumento foi ben entendido. Velaí o carácter totalmente pacífico das mobilizacións celebradas o domingo 25-Ou, convocadas por Galiza Nova e outras organizacións nacionalistas.
Agora ben, esta precisión necesaria non pode servir de escusa para agachar a gravísima responsabilidade do dispositivo policial e das súas xefaturas operativas e políticas. A actuación policial na coruñesa praza de María Pita foi manifestamente desproporcionada e deficiente no seu deseño operativo. A Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade esixe que calquera uso da forza se exerza alicerzado nos principios de oportunidade, congruencia e proporcionalidade. Cargar contra unha multitude nunha praza pechada e polas calellas estreitas da Peixaría é un fallo gravísimo na xestión do risco, responsabilidade da Delegación do Goberno e do mando operativo policial, pola total falla de previsión e por unha moi desaquelada intervención orfa de toda gradación no uso da forza (uso de gases lacrimóxenos, carga contra toda a fronte da manifestación…), que actuou como auténtico detonante da escalada posterior.
“A respecto dos graves altercados rexistrados durante a noite no centro urbano, cómpre analisar con rigor e sen prexuízos”
A respecto dos graves altercados rexistrados durante a noite no centro urbano, cómpre analisar con rigor e sen prexuízos. Aquelas persoas encarapuchadas que queimaron colectores e destragaron moblaxe pública non tiñan vinculación ningunha coas organizacións convocantes. Son grupos marxinais que adoitan instrumentalizar calquera mobilización para desenvolver dinámicas de desorde pública. Sen que poidamos desbotar arestora, como demostra a experiencia histórica noutros conflitos sociais de semellante natureza, a posíbel presenza de elementos infiltrados para dinamitaren a lexitimidade da protesta social e xustificaren a posterior represión policial.
A defensa do Estado de Dereito esixe firmeza política contra quen pretende desvirtuar a mobilización social coa violencia e máxima responsabilidade xurídica e política a quen se lle atribúe por lei o monopolio da forza lexítima. A Coruña e Galicia toda merecen unha resposta á altura da nosa tradición democrática.





