O CPXG mostra a súa preocupación polo clima laboral na CRTVG

Ante a aparición de diversas noticias sobre presuntas prácticas contra os seus traballadores

Santiago de Compostela | A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar a súa grande preocupación pola aparición de diversas noticias ao longo dos últimos días referidas a presuntas prácticas contra os traballadores dentro da Corporación Radio Televisión de Galicia, así como facer un chamamento a traballar por impulsar un clima laboral saudábel que favoreza o exercicio do xornalismo e o dereito á información da cidadanía.

Sen entrar a valorar acusacións que xa están xudicializadas e polo tanto terán que ser resoltas polos tribunais, a publicación de informacións sobre actitudes contra o persoal afondan na sensación de deterioración das relacións laborais no seo dos medios públicos galegos, á que xa contribuíran outro tipo de prácticas polas que o Colexio de Xornalistas xa mostrou a súa inquietude no pasado. A percepción dun clima laboral prexudicial na Corporación Radio Televisión de Galicia é unha mala noticia para o cadro de profesionais que exercen o seu traballo na mesma, para os poderes políticos que teñen que ser garantes da boa xestión do público e para a sociedade galega en xeral, que ve ameazado así o seu dereito a unha información de calidade.

Como xa ten manifestado este Colexio en varias ocasións, o mantemento dunhas condicións laborais dignas é un requisito indispensábel para que os medios presten o seu necesario servizo de información á cidadanía. Tense mostrado en moitas ocasións que un clima laboral daniño afecta mesmo á saúde de quen o padece, o que prexudica primeiramente aos traballadores e traballadoras, mais tamén ao público xeral, ao se produciren baixas que limitan o persoal dispoñíbel e precarizan a información. Só cun bo ambiente laboral se pode garantir que as e os comunicadores estean centrados en realizar con profesionalidade o seu traballo, respondendo así á importante tarefa de salvagardar o dereito á información que teñen encomendada. Cando xornalistas son protagonistas das informacións, algo está a acontecer que impide que o seu traballo sexa o de cubrir outros asuntos que sempre deberan ser prioritarios.

Por isto, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un chamamento a restabelecer nos medios públicos galegos un ambiente que asegure unhas relacións laborais saudábeis, no cadro das cales as e os xornalistas poidan centrarse na misión máis importante que teñen encomendada: a de levar a cabo o seu traballo con responsabilidade e profesionalidade para garantir o dereito á información de toda a cidadanía galega.