O Covelo rexeita a liña de alta tensión eléctrica

Así o acordaron entre o Concello e as CMVMC de Godóns, Maceira e San Salvador de Prado

O Covelo | O Concello de Covelo e as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Godóns, Maceira e San Salvador de Prado amosan o seu rexeitamento ao trazado do proxecto do “Parque 220 kV da Subestación Fontefría” promovido por Red Eléctrica de España SAU .

“O trazado do parque, que trasladará a enerxía dos eólicos a Portugal, afectará á saúde da veciñanza, aos mananciais, ao patrimonio natural e cultural, ás actividades forestais e agrogandeiras e, en definitiva, ao día a día das veciñas e veciños de distintos barrios destas tres parroquias”, así o explican, Darío Carballo, Manuel Santiago e José Muradás das directivas destas comunidades de montes que, a través dun escrito, veñen de comunicar ao servizo de infraestruturas enerxéticas da Consellería de Economía, Empresa e Innovación a súa total oposición tanto á colocación da subestación como ao trazado proposto.

As tres comunidades de montes adiantan que non aceptarán o prezo que Red Eléctrica de España ofrece xa que está moi por debaixo do mercado, ofertando ata catro veces menos do valor do solo e solicitan unha negociación directa coa empresa pública e non cos intermediarios privados. Ademais, paralizará os proxectos e subvencións acadados.

O Concello de Covelo alertaba, xa no ano 2013, das consecuencias negativas deste proxecto nunhas alegacións remitidas á Subdelegación do Goberno en Pontevedra. No documento o Concello advertía dos prexuízos que ocasionaba para a Serra do Suído, o Faro de Avión, o Macizo de Fontefría, o Coto de Eiras e, en definitiva, o sur da Dorsal Galega. Manifestaban, daquela, o dano provocado a diferentes hábitats e especies de interese comunitario, o impacto sobre a necrópole megalítica de Fontefría, entre outros moitos elementos do patrimonio arqueolóxico e etnográfico, e a falta de análise das consecuencias socioeconómicas.

Covelo solicitaba, entón, unha avaliación ambiental estratéxica, o traslado da subestación, a protección estricta da turbeira de Pontepiñeiros e da necrópole megalítica de Fontefría e a implementación de medidas correctoras dos impactos dos novos tendidos sobre a avifauna, entre outros moitos aspectos.

“Entendemos que se debe facer un estudo minuicioso dos moitos prexuízos que conleva para a nosa zona xa que pon en risco as nosas principais riquezas, a medioambiental e a cultural, freando ademais os esforzos que se realizan nos últimos anos para promover a economía no sector turístico, forestal e agrogandeiro”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Hoxe, a veciñanza, reclama un desprazamento da liña levándoa monte arriba para liberalos, así, dos danos e presión da alta tensión e rexeitan totalmente a colocación dunha subestación.

As CMVCM manifestan que “a nosa contorna verase transformada nun parque industrial enerxético e resulta curioso o feito de que en apenas 5 anos, estivo en estudo a inclusión do noso monte como Espazo Protexido Rede Natura 2000 (quedando restrinxio á Praia Fluvial de Maceira)”.

As comunidades de montes entenden indispensable a realización por parte da Administración competente, dun estudo obxectivo, real e exhaustivo do impacto ambiental na zona no seu conxunto; “non sendo válido un estudo de impacto ambiental realizado sobre plano e relativo, tan só, ao proxecto singular de execución”.

Os comuneiros explican que, este proxecto de liña eléctrica, corta o monte en dúas partes, e supón a colocación de apoios, para os que se construirán accesos, que son barreiras para o natural percorrer das augas.

“Coa iniciación das obras proxectadas, parte dos mananciais ou fontes de agua da nosa parroquia, tanto superficiais como subterráneas, sofren o risco de ser contaminados tanto polas labouras de limpeza como por potencias derrames de substancias perigosas procedentes de maquinarias de obras (aceites e hidrocarburos).

Corremos tamén o risco de que os mananciais busquen outros cauces subterráneos debido ás vibracións que produce a maquinaria pesada, e o pilotaxe dos soportes das torres e o corte de camiños de paso tradicionais”.

O patrimonio cultural tamén se verá afectado así como un dos principais atractivos turísticos,o mirador do Castelo do Faro que, cada ano, visitan centos de persoas atraídos polas fermosas vistas e apaixoados do starlight e o parapente.

Ademais, prexudicará os usos forestais e agrogandeiros e provocará unha perda do valor do solo e tamén unha desconexión entre os núcleos rurais e o seu monte comunal, “vai fragmentar o monte de Maceira en dous, cando precisamente o que piden os veciños, sería que se achegue o tendido ao extremo do seu terreo comunal. Desconectará os núcleos rurais do seu monte comunal. Non ten sentido que logo dun proceso de unificación da concentración parcelaria volvamos fragmentarnos”.

As comunidades de montes afectadas polo paso da liña de alta tensión solicitan unha protección especial para os barrios da Mouta, Carmoniño e San Breixo, (Maceira) trasladando a liña ao límite do MVMC de Maceira e no barrio de Sutibal (Godóns) á extrema do monte de Godóns.

Esixen, entre outras cuestións, contemplar as melloras necesarias para garantir os cursos fluviais e evitar danos nos manaciais, realizar un estudo actualizado do patrimonio cultural da contorna, e priorizar o uso forestal para evitar a perda de renda destes comuneiros e comuneiras, así como unha catalogación axeitada do seu solo e riqueza natural.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.