O Covelo participa no proxecto People & Planet sobre acción climática

Organizado polo Fondo Galego de Cooperación e que premiará con viaxes a Cabo Verde

Pontevedra | O Concurso de Murais ‘People & Planet’ premiará con viaxes sustentables a Cabo Verde ás autoras ou autores das catro obras que mellor ilustren o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 13, que chama a “adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos”.

Ata o 15 de decembro está aberto o prazo para enviar as propostas, que na primavera se farán realidade en muros de Covelo, Guitiriz, Narón e O Barco de Valdeorras. Os catro concellos son socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que convoca este certame cofinanciado polo programa DEAR da Unión Europea e a Xunta de Galicia.

O obxectivo do proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’ é sensibilizar á xente nova sobre a emerxencia climática para que introduza mudanzas no seu estilo de vida e reclame políticas públicas encamiñadas a facerlle fronte. De aí que o concurso de murais estea dirixido a artistas de entre 18 e 35 anos de todo o Estado, que poderán presentar ata dúas propostas para dous muros diferentes seguindo o procedemento establecido nas bases, dispoñibles en www.fondogalego.gal. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas anteriormente nunha parede nin premiadas noutros certames. A técnica será libre e organización facilitará todos os materiais necesarios para facelas realidade.

O premio para cada unha das persoas gañadoras será unha viaxe de turismo sustentable a Cabo Verde, a fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas. Ao longo dunha semana, as e os galardoados percorrerán as illas de Santiago e Fogo, incluíndo rutas de sendeirismo guiadas e visitas a iniciativas locais como cooperativas vinícolas ou o proxecto ambiental Cidade Verde. A viaxe levarase a cabo en maio de 2024 da man da axencia especializada Oi Cabo Verde.

Con anterioridade, cada artista terá ocasión de presentar a súa proposta ante un grupo de xente nova do municipio correspondente, escoitando á súa vez as ideas da mocidade e mesmo convidándoa a sumarse ao pintado nalgunha das fases do mural. Impúlsase así un artivismo que pon en valor o potencial transformador da creación artística, promovendo o pensamento crítico e reivindicando un cambio social.

De igual xeito, foméntase a participación cidadá na construción de cidades e vilas sostibles, ao tempo que se transforma o espazo público de maneira colectiva. Calquera dúbida sobre a convocatoria pode consultarse no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.gal ou no teléfono 604 040 890.

ODS 13: Acción polo Clima
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible son 17 metas globais que os Estados membros da ONU adoptaron a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. A tamén chamada Axenda 2030 abrangue temas coma o xénero, a saúde, a educación, o medio ambiente ou a paz. Todos os ODS da entroncan dalgún xeito coas competencias locais, de aí que o papel dos municipios sexa clave para acadalos.

Concretamente, o ODS 13 pon de relevo que as persoas vivimos na nosa propia pel as consecuencias do cambio climático, coma a seca ou as inundacións. Os gases de efecto invernadoiro que produce a actividade humana acentúan a ameaza a nivel global, xa que as emisións na nosa zona prexudican a poboacións afastadas, e viceversa. A solución pasa por adoptar políticas ao respecto e por concienciar sobre as medidas que podemos tomar.
#PeopleAndPlanet.

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global.

Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.