O Covelo inviste preto de 40.000€ na mellora de tres casas culturais

No marco do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Covelo | No marco do plan de posta en valor e mellora dos espazos públicos municipais, o goberno de Covelo executou reformas e obras de mantemento en tres casas e centros culturais. Financiadas con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o Concello destinou un total de 37.226,66€.

Neste mes o Concello actuou na mellora da drenaxe e peche perimetral da casa social de Baldomar e realizou obras de mantemento na casa cultural de Prado e na da Bugariña.

“As casas e centros culturais e sociais son espazos vitais nos que a veciñanza pode desenvolver diferentes actividades e supoñen insfrestruturas esenciais para a dinamización social”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Co obxectivo de ofrecer espazos públicos confortables e de calidade o Concello procedeu ao peche total da parcela da casa social de Baldomar, á mellora da drenaxe da contorna do edificio e á colocación dunha fonte e canastas de minibasket nas pistas deportivas.

Na actualidade a parcela estaba aberta nalgúns puntos entrando o gando nas inmediacións, ademais carecía de portal de entrada e había filtracións de humidade nunha das fachadas da casa.

Entrega os diplomas dos primeiros cursos do 2022
O Concello informa do remate do primeiro ciclo de cursos de formación do 2022 que permitiron a mellora do curriculum de persoas desempregadas e unha actualización de coñecementos dos e das participantes.

Logo dunha consulta pública na que se recolleu as prioridades formativas da poboación, o Concello ofreceu tres cursos que contaron cunha parte teórica e outra práctica. En concreto ofreceuse un curso de operador/a de plataformas móbiles PEMP de oito horas de duración, un curso de carretilleiro/a de 15 horas de duración e un de operario/a de almacén e loxística de 40 horas de duración.

O obxectivo dos cursos, que remataron coa entrega de diplomas e foron financiandos con fondos propios, é promover a inserción laboral e mellorar o curriculum das persoas desempregadas ofrecendo formación de acorde á demanda do mercado. Nos vindeiros meses ofreceranse novos cursos de formación deseñados en base ás necesidades recollidas no proceso de participación.