O Covelo incorpora persoal para a prevención de incendios forestais

Activa un grupo de voluntarios para a vixilancia dos montes

O Covelo | O Concello de Covelo informa que, no marco do convenio de prevención de incendios asinado coa Xunta de Galicia, durante tres meses catro persoas traballarán na prevención de incendios realizando labores de limpeza, desbroce e extinción.

Ata o 31 de outubro, tres peóns e un capataz limparán parcelas sobre as que existen denuncias por incumprimento da obriga de limpeza e participarán na loita contra os incendios forestais.

Ademais, o Concello de Covelo pide a colaboración da veciñanza e das Comunidades de Montes e das asociocións do Concello para que extremen as medidas de vixilancia.

O Concello quere recordar que en caso de incendio débese dar aviso inmediato chamando o 085 ou informando de calquera situación ou comportamento de risco incendiario que observen.

Así mesmo, aconsella que se eviten situacións de risco como o desbroce con maquinaria a motor en hora de máxima calor, o lanzamento de foguetes, fumar en camiños ou zonas de monte, tirar cabichas nas cunetas e polas ventás dos vehículos ou facer brasas en lugares que non estean acondicionados ou calquera que poida causar lumes.

O Concello de Covelo pon en marcha tamén o grupo de voluntarios/as para a vixilancia e prevención de incendios no seu concello e facilita un número de teléfono, 986650027, e un enderezo electrónico de contacto alcaldia.covelo@fegamp.gal