O Covelo aproba aumento de 73.000€ para o SAF

Investirá un total de 275.4880,4€ ano en prestar este servizo

O Covelo | O pleno da Corporación de Covelo aprobou en sesión extraordinaria a suba do prezo/hora do servizo de axuda a domicilio (SAF) posicionándose como un dos concellos galegos coa retribución máis alta por este servizo.

Deste xeito, o Concello de Covelo investirá un total de 275.4880,4€ ano en prestar este servizo aos veciños e veciñas dependentes,o que supón un incremento de 73.000€ por ano respecto ao custe do anterior contrato do SAF.

O Concello de Covelo fixa, deste xeito, un prezo/hora de 18,75€ máis IVE, cantidade moi superior ao que prezo que pagan outros concellos limítrofes ás empresas profesionais que coidan, fundamentalmente, das nosas persoas maiores.

En concreto o Concello de Ponteareas destina 15,84€/h máis IVE a este servizo, As Neves 16€/h IVE incluído, Pontecaldelas 16€/h, ou concello lucense de Quiroga con 15,72€/h, o ourensán Vilardevós con 14,33€/h ou o lucense Castroverde con 14,45€/h.

“Consideramos que esta medida beneficia a todas as traballadoras do servizo de axuda a domicilio e tamén aos nosos maiores. Esta actualización dos prezos non só responde ás demandas destas traballadoras, tamén a un exercizo de adaptación á suba xeral de todos os prezos, sobre todo dos combustibles, sendo conscientes da dispersión xeográfica das persoas usuarias e dos moitos desprazamentos que teñen que realizar estas traballadoras”, explica Pablo Castillo, alcalde de Covelo.

Castillo agarda que esta suba mellore as condicións laborais das profesionais e redunde, tamén, no benestar de todas a veciñanza que por motivos de saúde precisa de axuda. “Ter unha vida digna e mellorar, día tras día, a calidade de vida é o obxectivo. Contribuír a unha sociedade máis equilibrada no que todos e todas nos poidamos desenvolver”, engade o alcalde.