O Covelo apoia á ANPA do CEIP Antonio Rodríguez Blanco con preto de 6.000€

Para posibilitar o servizo de aula matinal e actividades socio-educativas

O Covelo | O Concello de Covelo vén de outorgar a cantidade de 5.700€ á Asociación de Nais e Pais do CEIP Antonio Rodríguez Blanco e formaliza así o seu apoio ás iniciativas das nais e pais da asociación.

Este convenio fai posible que dende a ANPA se ofreza o tan necesario servizo de aula matinal, indispensable para contribuír nunha mellor conciliación familiar e laboral. O alcalde, Pablo Castillo, agradece á directiva da ANPA o seu traballo e contribución ao facilitar o día a día das familias de Covelo.

“Mellorar o día a día das persoas do noso concello con máis e mellores servizos é o noso obxectivo. Apoiar ás familias é para nós unha prioridade por iso dende o ano 2017 levamos colaborando coa ANPA para ofertar este servizo no que as nenas e os nenos son atendidos dúas horas antes do horario de comezo da actividade lectiva”, explica o alcalde.

Esta axuda tamén permite que a ANPA poida ofrecer actividades socio-educativas ao longo de todo o curso ampliando, en moitas ocasións, o horario de estancia de tarde no centro educativo e, polo tanto, contribuíndo tamén á conciliacion familiar e laboral.

Ademais, estas actividades supoñen unha ocasión para desenvolver habilidades artísticas e deportivas e brindan un espazo de lecer e socialización aos cativos e cativas participantes.

Convenios cos clubes locais
O Concello de Covelo informa da sinatura dos distintos convenios mediante os que se apoia aos clubs deportivos locais para facilitar que sigan desenvolvendo a súa actividade.

En concreto, o Club Covelo de Patinaxe Artística recibe 2.500€, o Covelo Club de Fútbol, 3.000€ e o Covelo Fútbol Sala, 500€. Segundo explica o alcalde Pablo Castillo, é imprescindible brindar todo o apoio posible a estes clubs que fan posible a práctica deportiva non só de ducias de nenos e nenas, tamén de adultos. “Ter a posibilidade de desenvolver actividades deportivas no propio lugar de residencia é un servizo moi importante non só por cuestións lúdicas e deportivas tamén para fomentar hábitos de vida saudables e promover momentos de encontro e socialización”.

Estas axudas ao deporte, dun total de 6.000€, súmanse ás concedidas a asociacións e colectivos de carácter cultural e medioambiental por un total de 8.000€ e ás concedidas á Asociación de Nais e Pais do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de 5.700€. Deste xeito, o goberno de Covelo destina un total de subvencións nominativas a clubs e entidades sociais de 19.700€ promovendo, así, o asociacionismo local “tan fundamental para o desenvolvemento persoal do día a día das persoas”, engade Pablo Castillo.