O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra organizou a Xornada de Mobilidade Sostible

Co apoio da Xunta e con miras ao Plan Ribeira Sacra 2020-2023

Nogueira de Ramuín | O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, abriu a Xornada de Mobilidade Sostible na Ribeira Sacra, impulsada polo Consorcio de Turismo. Nun acto celebrado no parador de Santo Estevo de Ribas do Sil, Arias Fouz, lembrou a forte aposta da Xunta de Galicia neste eido coa inversión de 850.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística da Ribeira Sacra, no que o Goberno Galego aporta un tercio do total.

Amais, a Xunta de Galicia continúa coa execución do Plan Ribeira Sacra 2020-2023, que conta cun orzamento de 34 millóns de euros de diversos departamentos autonómicos e ten previsto presentar un proxecto aos Fondos Next Generation co obxectivo de captar 40 millóns adicionais.

Arias Fouz explicou que “a pesar da noticia coñecida esta semana de que Xunta e Goberno central acordaron conxuntamente pospor a presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade ante a Unesco, o traballo debe seguir”. Neste sentido sinalou que a Ribeira Sacra xa é un destino turístico consolidado, polo que insistiu na necesidade de traballar aínda máis para chegar á fase final con todas as garantías.

Por último apostou por seguir avanzando en equilibrar o modelo de desenvolvemento turístico, reducindo o impacto ambiental e a pegada ecolóxica, ao mesmo tempo que se diversifica a oferta turística.