O conselleiro de Emigración destacou o labor da asociación Día de Galicia en Asturias

Refiriuse ao Camiño de Santiago como outro nexo de unión entre ambos territorios

Oviedo | O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou en Oviedo a importancia da colaboración para impulsar os lazos culturais e socioeconómicos entre Galicia e Asturias e visibilizar o potencial de ambos territorios en materia de talento, industria, recursos e capacidade empresarial. Así o sinalou no acto de imposición de insignias de ouro e carnés de socios de honra da asociación Día de Galicia en Asturias con motivo do 31 aniversario da entidade.

Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o seu labor a prol da difusión e preservación da idiosincrasia galega en Asturias. Un traballo, engadiu, que converte a esta asociación nunha embaixada da cultura galega en territorio asturiano e en exemplo do que significa tender pontes entre pobos.
Mostra disto son as arredor de 20.000 persoas galegas residentes no Principado de Asturias así como as 17.000 persoas asturianas que viven en Galicia.

Outro exemplo dos vínculos entre ambos territorios aos que se referiu González é o Camiño de Santiago, que fai que Oviedo e Santiago formen parte dunha mesma historia europea de peregrinación, encontro e intercambio entre pobos.

Ademais, o conselleiro felicitou aos galardoados coas insignias de ouro e os carnés de socios de honra da asociación Día de Galicia en Asturias, que son o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, e o presidente da Fundación Policía Española, Rafael del Río Sendino. De ambos destacou a súa a vocación de servizo aos demais, un dos aspectos que reflicte a dimensión humana da edición deste ano desta conmemoración.

O presidente do colectivo galego, o ourensán Manuel Fernández Quevedo, recibiu do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, unha maqueta no edificio parlamentario.

Ademáis deste acto no Hotel Reconquista, o principal da celebración do aniversario da asociación Día de Galicia en Asturias, houbo outros eventos como o concerto en homenaxe a persoas en soidade celebrado no Auditorio Principe Felipe e a misa desta na Catedral de Oviedo, neste caso en recordo das persoas socias e amigas falecidas da asociación Día de Galicia en Asturias e en solidariedade co pobo venezolano así como con todos os pobos de España afectados polos incendios.

Empresas homenaxeadas
Outra iniciativa enmarcada na celebración do 31 aniversario da asociación Día de Galicia en Asturias foi o encontro empresarial astur-galaico que tivo lugar na Cámara de Comercio de Oviedo. Nel foron homenaxeadas quince empresas e entidades de Galicia e Asturias de ámbitos moi diferentes da actividade económica. Isto reflicte, especificou José González, o potencial do noroeste de España como terra de oportunidades e que a irmandade de Galicia e Asturias abrangue, ademais da cultura, os ámbitos económico e empresarial. Nas fotos as empresas homenaxeadas na Cámara de Comercio e os receptores das insignias de ouro da asociación, no Hotel Reconquista de Oviedo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.