• Segue conectado
  • |

O Concello de Tui entrega a Medalla de Ouro da cidade a tres congregacións relixiosas

Este sábado, 14 de xaneiro, ás 12,00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui acollerá o acto solemne de entrega da Medalla e Ouro da cidade a tres congregacións relixiosas que veñen de cumprir cen anos de presenza na nosa cidade: As Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl (popularmente coñecidas como “Monxas da Milagrosa”), ás Irmás Franciscanas Hospitalaria da Inmaculada Concepción (as “Hospitaleiras”) e ás Irmás de Santa Dorotea de Paola Frassinetti (as “Doroteas”).
Na súa sesión do pasado mes de novembro o Pleno da Corporación acordou esta concesión en recoñecemento ao seu labor na nosa cidade, especialmente nos ámbitos sociais e educativos. Namentres que as Fillas da Caridade chegaron a Tui en 1908 tanto as Francisanas Hospitalaria como as Doroteas se estableceron na nosa cidade co gallo da persecución desatada en Portugal logo da proclamación da República en outubro de 1910.
Para o alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, con este acordo municipal testemúñase o agradecemento dos veciños e veciñas de Tui pola implicación que estas tres congregacións relixiosas teñen coa nosa poboación desenvolvendo ao longo destes cen anos numerosas actividades de caracter educativo, asistencial e benéfico que enriqueceron a vida social da nosa cidade.
– Relixiosas de Santa Dorotea, que procedentes de Portugal, onde a República recentemente proclamada decretara a expulsión das Ordenes Relixiosas, se asentaron en Tui o 21 de xaneiro de 1911, desenvolvendo dende aquela un importante papel como educadoras en diversos niveis do ensino ata que no ano 1990 pecharon o seu parvulario. No actual edificio, inaugurado en 1928, residiu ao longo de moitos anos Sor Lucía, a vidente de Fátima, polo que este lugar recibe anualmente numerosos grupos de peregrinos atraídos por este feito, de grande transcendencia no turismo relixioso.
– Irmás Franciscanas Hospitaleiras da Inmaculada Concepción (as chamadas “Hospitaleiras”) chegan a Tui o 1 de xaneiro de 1911, fuxindo tamén da persecución relixiosa en Portugal, e fundan naquela altura un centro educativo na nosa cidade e outras tres casas. En Tui estivo a sede central da súa Congregación naqueles anos e posteriormente nos anos seguintes á revolución portuguesa de 1974. Rexentaron ao longo de moitos anos a chamada “Casa de Exercicios Espirituais” no barrio da Sarabia hoxe transformado na Residencia “Paz y Bien”.
– Fillas da Caridade de San Vicente de Paul (ou as popularmente coñecidas como “Monxas Milagrosas”) que chegaron a Tui no ano 1908 ao fundar o tudense Florencio Cerviño, daquela bispo de Ourense, a popular “Cociña económica” que mantivo a súa actividade durante moito tempo; ao ano seguinte foi fundado o centro docente “La Milagrosa” que funcionou ao longo de moitas décadas, rematando a súa actividade educativa no ano 2005. Salienta tamén a súa achega no ámbito social, a través do Voluntariado da Caridade ou coa creación do “Albergue de transeúntes”. Na actualidade continúan asentadas en Tui no colexio de “La Milagrosa” e o centro vacacional “Val de Flores”.

Publicado o 9 Xan 2012 en Baixo Miño, Política, Tui.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies