O Concello de Tomiño adicará a saneamento máis do 40% do Plan Concellos 2016

NDEA_Tomiño

Tomiño | O Concello de Tomiño adicará máis do 40% do investimento do Plan de Obras e Servizos (Plan Concellos) 2016, financiado pola Deputación Provincial, a obras de saneamento. Así do 1.237.016,69 euros do plan, máis de 514.000 destinaranse ao saneamento dos núcleos de Camiño Novo, Pazos, Rexidouro e A Val (258.389,11 euros), e Carregal de Abaixo (200.000). As accións completaranse co baleirado de foxas sépticas, para o que se mercará un tractor especial, valorado en máis de 56.000 euros.

Outra partida moi considerable (case 220.000 euros) será a adicada á contratación de 25 persoas desempregadas (sen prestación algunha) destinadas á área de conservación de bens e servizos (xardinería, construción, carpintería, mecánica de mantemento, soldadura, electricidade, administración xeral, etc.).

Os contratos terán unha duración de 10 e 8 meses, dependendo do caso, e a xornada será de 35 horas semanais.

Perto de 100.000 euros destinaranse á urbanización de zonas verdes e pavimentación de camiños. Neste apartado figuran accións coma a urbanización do espazo A Carballeira e acondicionamento de zona verde espazo O Regatiño, en Goián, e pavimentación do viario municipal TOM-036, no núcleo do Seixo.

Dentro do plan haberá dúas actuacións no eido dos equipamentos educacionais e deportivos, coma a construción dunha pista de atletismo na área de Mosteiro e a reforma do patio interior da escola infantil do Seixo.

Outras intervencións de interese son a reforma e mellora da accesibilidade no Salón de Plenos para que sirva ademais coma sala de usos múltiples (200.000 euros) e a instalación dunha cafetaría e servizos públicos no Espazo Fortaleza de Goián (123.000 euros).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou durante a presentación do plan, esta semana, ante os concelleiros da oposición, o esforzo do goberno local por temas tan importantes coma o saneamento, ao que se adica máis do 40% do investimento, a mellora de espazos públicos e a educación.