O Concello de Sober presentará o documental “Nosoutras-Relatos Femininos”

Un proxecto para homenaxear ás mulleres do mundo rural
O documental será presentado o vindeiro 6 de novembro.

Sober | O Concello de Sober presentará o vindeiro 6 de novembro o documental ‘Nosoutras – Relatos Femininos’, a segunda parte dun proxecto de igualdade que nace co obxectivo de homenaxear ás mulleres do mundo rural e de facer visibles as condutas machistas que xerminan neste contexto.

A través desta iniciativa seis testemuñas femininas narran, con auténtica humildade e sinceridade, a súa biografía e como o feito de ser muller ten influído ao longo das súas vidas.

O proxecto ‘Nosoutras’ está recollido en dous formatos. O primeiro deles o papel, a través dunha publicación na que coñecemos os relatos de Pili, Noelia, Otilia, Samanta e Sara, o que permitiu, mediante o sentido do tacto e da vista, achegarnos ás súas historias de vida.

Os relatos presentáronse nun acto público e tamén se difundiron a través das redes sociais do Concello de Sober, onde tiveron grande éxito.

Agora o proxecto dá un paso máis e achégase ao mundo audiovisual para traspasar cada un dos nosos sentidos. A presentación estará acompañada da arte musical de Sara Méndez Arias e Ana Fernández Gayoso.

Esta actividade está financiada pola Secretaría de Estado de Igualdade en desenvolvemento do Pacto de Estado contra Violencia de Xénero e a súa planificación e elaboración executouse dende os Servizos Sociais do Concello de Sober coa colaboración da empresa Némesis Audiovisual.

Outros artigos