O Concello de Salceda porá en marcha un gabinete psicolóxico

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda botará a andar este ano un gabinete de atención psicolóxica que xorde ante a necesidade de proporcionar apoio e asesoramento psicolóxico individual e familiar a todas as persoas que o precisen, sendo previamente derivadas dende os Servizos Sociais. O gabinete suporá un investimento anual de 10.925 €, e estará financiado dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Con este servizo preténdese dar resposta á necesidade de atención psicolóxica identificada polo Concello de Salceda de Caselas para a súa veciñanza, e está pensado para público de tódalas idades, tanto maiores como menores de idade. O gabinete servirá tamén para traballar de xeito grupal e coas familias interesadas diferentes aspectos relacionados coa educación de crianzas e adolescentes, e para sensibilizar e previr en saúde mental a través de charlas informativas dirixidas ao alumnado ou á poboación en xeral. Cabe destacar que este gabinete actuará en coordinación con outros servizos e programas que ofrece o Concello como os Servizos de logopedia e Atención Temperá, o Programa “Cultiva a Mente” ou o II Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, entre outros.

Trátase dunha necesidade que o Concello de Salceda viña detectando nos últimos tempos pero que se ve acentuada en momentos de crise como o que estamos a vivir na actualidade, polo que dende o equipo de goberno se decidiu reservar unha partida do Plan Concellos para a posta en marcha do servizo.

Gela Ledo, Concelleira de benestar Social: “este servizo dá resposta a unha necesidade da poboación cada vez máis urxente, que ante as carencias do servizo ofertado polo SERGAS precisa dunha resposta máis cercana e inmediata”
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “xa ven sendo un costume que os Concellos asumamos competencias que non son nosas, e temos a responsabilidade de levalas adiante, porque coñecemos as necesidades da nosa xente e queremos coidala. Agardamos que as demáis administracións tomen nota, pois precisamos financiación para poder ofrecer este tipo de servizos tan necesarios sempre, pero agora máis que nunca”.