
Ponteareas | O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou a incautación da totalidade da garantía definitiva, por un importe de 89.955 euros, constituída por ÓBOLO S. Coop. And. de Interese Social, anterior empresa prestadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Con este acordo plenario, o Goberno local culmina o procedemento iniciado para determinar as responsabilidades contractuais pendentes e desestima formalmente a solicitude de devolución do aval formulada pola compañía.
A decisión adoptouse tras a tramitación do correspondente expediente, que contou coa audiencia previa á empresa e á entidade avalista (Bankinter), ademais dos informes emitidos pola responsable municipal do contrato. O informe técnico determinou a existencia de tres incumprimentos moi graves e dez graves, cuxa valoración económica global ascende a 90.000 euros, o que obriga a facer efectiva a garantía ata o seu límite máximo fixado nos devanditos 89.955 euros. Esta contía non inclúe outros 22.506 euros correspondentes a penalizacións anteriores que a empresa xa ten satisfeitas, evitando de este modo cualquer duplicidade económica.
A alcadesa, Nava Castro, puxo de manifestó que “estamos a falar dun servizo esencial para as persoas máis vulnerables do noso municipio. A rexedora engadiu que “actuamos coa firmeza necesaria para defender os recursos públicos e esixir ás empresas o cumprimento estrito das obrigas que asumen cando contratan coa Administración”.
Principais incidencias
Entre as principais incidencias recollidas no expediente atópanse incumprimentos relacionados coas obrigas laborais, a falta de atención aos requirimentos municipais e deficiencias na dispoñibilidade de medios humanos e materiais. Así mesmo, detectáronse graves fallos na documentación e seguimento das persoas usuarias; a empresa non entregou determinados informes bimestrais, o que obrigou aos Servizos Sociais municipais e á nova adxudicataria a reconstruír parte da información asistencial para garantir a transición do servizo.
Desde o Goberno municipal subliñaron que o contrato con ÓBOLO finalizou o pasado 1 de febreiro de 2026 por resolución de mutuo acordo, unha fórmula que non implicaba unha declaración de correcta execución nin a renuncia a esixir responsabilidades. Tras o acordo, a Tesourería local xa dispón das instrucións necesarias para executar o aval de maneira inmediata.
Novo regulamento da ludoteca
O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou definitivamente o novo Regulamento de Réxime Interior da Ludoteca Municipal Parque da Curuxeira. Este documento actualiza e ordena o funcionamento deste servizo socioeducativo municipal, substituíndo ao regulamento vixente desde o ano 2020.
A aprobación definitiva deste texto coincide co desenvolvemento do novo curso. Unha das principais novidades que se quere trasladar ás familias é que non existe un único período anual para incorporarse ao servizo. O prazo de solicitude de inscrición permanece aberto durante todo o ano e está limitado unicamente pola capacidade dispoñible do centro. Na actualidade, a matrícula xa está aberta para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. O servizo establece unha tarifa de 20 euros ao mes por menor.
A concelleira de Servizos Sociais, Raquel Plana, quixo facer fincapé no compoñente integrador e formativo do centro, sinalanado que “queremos ofrecer un espazo seguro no que os nosos nenos e nenas poidan xogar, aprender, relacionarse e desenvolver a súa creatividade a través do xogo regulado. Plana recalcou que “a matrícula continúa aberta durante todo o ano e que poden solicitar praza en calquera momento mentres exista dispoñibilidade no centro”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, subliñou o firme compromiso do Goberno local por modernizar e blindar as prestacións de conciliación, apuntando que “con este novo regulamento damos un paso máis na mellora da Ludoteca Municipal, adaptando o seu funcionamento ás necesidades actuais das familias e poñendo á súa disposición unhas instalacións renovadas, modernas e verdes”. Ahora engadiu que “o noso obxectivo prioritario é que Ponteareas sexa un concello acolledor para as familias, garantindo espazos públicos onde a conciliación sexa unha realidade e non unha barreira”.
Organización, horarios e actividades
A nova normativa establece unha capacidade máxima de 20 nenos e nenas de forma simultánea. Non obstante, poderá haber un número superior de menores matriculados sempre que a organización por grupos e quendas garanta que non se supera o límite autorizado. O horario do centro en periodo escolar é de 17:00 horas a 20:00 horas.
A oferta de actividades inclúe xogo libre e organizado, animación á lectura, actividades artísticas e deportivas, xogos cooperativos, obradoiros multidisciplinares, actividades extraordinarias e préstamo domiciliario de libros e xogos. O xogo constitúe o principal instrumento para favorecer o desenvolvemento, a socialización, a creatividade e a aprendizaxe, promovendo valores como a igualdade, a solidariedade e o respecto.
A regulación presta especial atención á seguridade e protección dos menores. O centro dispón de plan de seguridade, prevención, emerxencias e evacuación (cun simulacro anual obrigatorio), pólizas de responsabilidade civil e accidentes, libro de reclamacións e un proxecto socioeducativo á disposición das familias.
A aprobación inicial do texto produciuse o pasado 28 de xullo e, tras ser sometido a información pública sen recibir reclamacións, incorporou as adaptacións da autorización autonómica da Xunta de Galicia do 14 de agosto e diversas achegas técnicas municipais. O novo regulamento entrará en vigor tras a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e no Portal de Transparencia.




