O Concello de Ourense activa novo contrato do servizo de recollida de residuos

O alcalde sostén que suporá “unha mellora e un salto de calidade” do servizo, que irá incorporando novidades

Ourense | O servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Ourense inicia etapa coa incorporación dunha nova empresa concesionaria: Eco Auriense. A Praza Maior acolleu esta mañá a presentación, na que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Medio Ambiente, Francisco Lorenzo, e responsables da firma: a UTE SA de Obras y Servicios Copasa, SA e Setec Building, SL (abreviadamente UTE Eco Auriense), xunto cunha trintena de traballadores e traballadoras que amosaron as novas varredoras, carritos e triciclos xa incorporados.

O novo contrato inclúe a recollida de residuos domésticos, a xestión dos puntos limpos e a limpeza viaria. A empresa foi a adxudicataria por acordo da Xunta de Goberno Local, de acordo cos pregos de condicións e as ofertas presentadas, por resultar a de mellor relación calidade-prezo (15.222.914,91 €/ano, IVE incluído, o que supón unha baixa dun 6,15%). O contrato ten unha duración total de 10 anos (2026 a 2036).

O alcalde valorou moi positivamente o resultado desta licitación, adxudicada a unha empresa ourensá, que ademais presentou a mellor oferta técnica e, ao mesmo tempo, a máis económica para o Concello. “Realmente é o Santo Grial de calquera concesión: darlla a quen fixo a oferta máis barata e á que máis ofrecía”, subliñou o rexedor. “Estamos moi contentos. Vai haber unha mellora paulatina, e irá chegando a nova maquinaria en breve, de xeito que estea todo completado en marzo. É unha mellora e un salto de calidade”, asegurou Gonzalo Jácome.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.